A proposta presentada por Moncho Barazeiro recibíu o 36% dos 1.517 votos totais emitidos na web ourensecultura.com.

‘Bailemos no Corpus’ é o cartel elixido para anunciar as festas

As festas de Ourense (25 de xuño – 3 de xullo) xa teñen cartel anunciador. É o resultante da votación popular, a través da web ourensecultura.com, de entre os cinco finalistas propostos polo Concello de Ourense. Así, «Bailemos no Corpus», obra do artista ourensán Moncho Barazeiro, obtivo un total de 539 votos (un 36% do total), seguida de «As nosas festas», con 438, e de «Fagamos da choiva unha fest»a, con 204 apoios. A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, aplaude “este método participativo de sacar a concurso todos os carteis do ciclo festivo da cidade”.

Os carteis estiveron expostos na rúa do Paseo para que os ourensáns tivesen coñecemento deles e incluílos no proceso de participación da escolla de 2016, un modus operandi que se ampliará a vindeiras convocatorias públicas de deseño de carteis.

Un espectáculo de luz, son e palabra abrirá as Festas

Un espectáculo de luz, son e palabra nunca antes visto en Ourense será o pistoletazo de saída das Festas da cidade deste ano. Diferente, chamativo, especial, con técnicas sofisticadas en efectos de luz, este espectáculo está feito á medida para Ourense e vinculado emocionalmente á cidade. Contará con 20.000 vatios de son e 20 minutos de espectáculo que envolverán á cidade de Ourense nunha noite máxica, a do 25 de xuño, desde a Alameda do Concello. «Ourense con luz propia» non deixará indiferente a ninguén, tanto maiores como pequenos.

Este espectáculo innovador será o broche final da xornada inaugural das festas, que comezará co pregón a cargo de Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español, e continuará co concerto na Praza Maior de Xoel López.