Unha actuación que se enmarca no Plan HURBE da Consellería de Medio Ambiente

A Xunta restaurará a praza Bispo Carrascosa de Xunqueira de Ambía

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levará a cabo a restauración da praza Bispo Carrascosa no contorno da Colexiata de Santa María no Concello de Xunqueira de Ambía por un orzamento de case 250.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ao alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luís Gavilanes, asinaron o convenio de colaboración que permite a licitación desta actuación, que se enmarca no Plan HURBE e que é posible grazas o orzamento de cinco novos millóns de euros que manexará o seu departamento, grazas a inxección que recibirá a Comunidade galega polo cumprimento do déficit.

As actuacións que se pretenden levar a cabo abranguen os espazos da praza Bispo Carrascosa, o adro da Colexiata e o extremo nordeste da praza San Rosendo, integrados todos eles no conxunto da Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía, o cal foi declarado Monumento Histórico-Artístico pe Ben de Interese Cultura. Trátase dunha área no centro do núcleo urbano tradicional conformada por un conxunto de espazos públicos envoltos por edificacións tradicionais de pedra con cubertas de tella cerámica.

Os traballos de recuperación teñen por finalidade manter e conservar o entorno da Colexiata, así como resolver situacións desafortunadas, como as instalacións vistas, que se foron consolidando ao longo do tempo. Deste xeito, o que se persegue é dar unha mellor imaxe do conxunto do espazo público, mellorar as súas condicións de uso e executar as canalizacións precisas, para no futuro poder completar as instalacións, sen que sexa necesario intervir de novo no subsolo da praza.