«Xeados e bebidas de verán» e «Imos de picnic!» son as dúas actividades propostas.

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) continúa coa súa oferta de cursos de cociña infantil, nesta ocasión dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 11 anos. «Xeados e bebidas de verán» e «Imos de picnic!» serán as dúas actividades propostas que terán lugar os días 12 e 13 de xullo, respectivamente, en horario de 11.00 a 13.00 h. Os obradoiros levaranse a cabo na sede da entidade en Ourense (praza Maior, 4). As inscricións poden realizarse a través de www.ataquilla.com ou no teléfono 988 391 746.

«Xeados e bebidas de verán» e «Imos de picnic!», ambos impartidos por Vanessa Sende, pretenden achegar os participantes ao mundo da cociña, dun modo didáctico e divertido. Así, ademais de prepararen os distintos pratos, os nenos e nenas aprenderán as normas de seguridade na cociña, como manexar os alimentos e utensilios, os hábitos recomendados de hixiene e limpeza, a importancia de consumir alimentos sans e nutritivos ou a importancia de reciclar. Durante os obradoiros, os participantes darán renda solta á súa imaxinación e cociñarán, entre outros, refresco con gas caseiro, smoothie verde, polos flash de froitas ou as variedades de sándwichs de verán. Nas actividades mostraranse tamén novas formas de presentar os pratos e, ao remataren as sesións, os nenos e nenas levarán o que cociñaron, xunto ás distintas receitas para que as poidan poñer en práctica na casa.