As obras adxudicáronse a Acoval por un importe de preto de 365.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciou as obras de reforzo de firme  coa fin de mellorar o estado da capa de rodadura de treitos localizados de estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Leiro, Cea, O Carballiño e Ribadavia.

Estas actuacións foron adxudicadas por un orzamento de preto de 365.000 euros á empresa Acoval. O contrato foi asinado o pasado 9 de maio e fixouse un prazo de execución de 6 meses dende o seu inicio.

As obras comezaron coa limpeza de marxes e das gavias na OU-188, no Concello de Leiro, e continuarán coa OU-209, na travesía deste mesmo municipio. Ambas obras serán coordinadas entre elas debido a súa proximidade. Pola súa parte, a Xunta xa realizou unha xuntanza co alcalde de Leiro para organizar os traballos previos e solicitou a súa colaboración para o despexe da rúa principal do Concello.

De seguido, realizaranse as obras de mellora do aglomerado de Valdepereira, en Ribadavia, para proseguir coa OU-172 na estrada de saída ao Irixo no Carballiño. Finalmente, terán lugar as obras da OU-187, na travesía de Cea.