Os traballos inclúen a construción dun novo depósito de auga de 500 metros cúbicos.

Medio Ambiente destinará 300.000 euros a renovar a rede de abastecemento na Gudiña

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará máis de 300.000 euros a renovar parte da rede de abastecemento e a construír un novo depósito de auga no concello da Gudiña.

Así se recolle no convenio asinado pola titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, José María Lago.

En concreto, os traballos incluirán a construción dun novo depósito de auga de 500 metros cúbicos que permitirá solucionar o problema de abastecemento do polígono industrial. Ademais, executarase un tramo novo de rede de 492 metros de lonxitude para conectar o depósito que xa existe, de 250 metros cúbicos, ao polígono industrial. Ao mesmo tempo, substituirase a deteriorada rede actual por unha nova ao longo de máis de 3.000 metros.

Logo de rematadas, estas obras darán servizo a unha poboación 812 habitantes.

Cabe recordar que a rede da Gudiña presenta actualmente certas deficiencias pola súa antigüidade, aínda que xa se foron realizando melloras nas captacións e noutras partes da rede. Ademais desta circunstancia, o polígono industrial non dispón a día de hoxe de servizo, polo que as naves se están abastecendo de pozo individuais. A sinatura deste convenio permitirá dar solución a ambas problemáticas.

En definitiva, esta actuación, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), ten como obxectivo garantir a subministración de augas en calidade e cantidade á poboación, mellorar a súa calidade, e garantir o abastecemento e regulación dos recursos hídricos.