Os socialistas esixen ao alcalde "equidade e optimización do funcionamento" deste corpo de seguridade.

O grupo mnicipal socialista amosa a súa preocupación ante a situación de «descontento» e «indignación» que din existe no corpo da Policía Local do Concello de Ourense pola «permisividade» coa que o Goberno do PP está a actuar. Segundo un comunicado dos socialistas, o Goberno local está «xerando discriminación e desigualdades entre os membros do corpo, favorecendo a media plantilla co xa coñecido ‘cuadrante africano’ grazas ao cal un número importante de policías perciben ‘presuntamente’ remuneracións económicas por horas non realizadas no propio servizo».

Os socialistas resaltan tamén que o alcalde está a facer a “vista gorda” ante o incumprimento de normativas incluso a nivel europeo, «que poñen en risco a seguridade no traballo de moitos policías locais e repercuten no servizo prestado por estes á propia cidadanía». Asemade, recolle o comunicado, dentro da revisión da RPT, os propios funcionarios denuncian un feito grave: co pretexto de adecuar postos, poden estar a levarse a cabo recalificacións e melloras salariais de determinados postos ocupados por membros integrantes da propia Mesa de Negociación. Cabe destacar que en varias Xuntas de Área a concelleira Flora Moure negou ditas variacións ao grupo municipal socialista.

Por todo o anteriormente exposto, o PSOE mostra publicamente o seu apoio aos funcionarios do corpo de seguridade municipal e solicita que o alcalde e o Goberno municipal poñan en marcha as medidas oportunas co fin de evitar que se despilfarren cartos públicos polo pago de horas extras non realizadas no propio servizo, que garantan o cumprimento da legalidade para o desenvolvemento das súas funcións por parte dos funcionarios e finalmente, que dean traslado a todos os grupos municipais das súas propostas para a modificación ou revisión das fichas da RPT deste departamento, «co fin de garantir a transparencia e equidade, e que non se produzan favoritismos, recalificacións, nin melloras salariais inxustas ou que respondan a intencións políticas ou de outro tipo, que poidan ocasionar discriminacións, malestar e problemas no adecuado funcionamento dun servizo vital para os veciños de Ourense».