Piden ao Concello un plan de protección dos bens de interese turístico, cultural ou histórico.

Son de Trives denuncia o estado de abandono da Torre do Reloxo

Desde Son de Trives denuncian o estado de abandono e deterioro no que se atopa a Torre do Reloxo, un dos referentes turísticos máis emblemáticos do concello.

Manifestan a súa preocupación polo estado no que se atopa a citada torre, xa que, a pesar de ter testos con flores bonitas ao redor, no interior vese claramente como reina o lixo, a suciedade, estanterías baleiras… e un reloxo que non funciona desde fai moito tempo.

A construción da Torre do Reloxo prantexouse con fins esencialmente turísticos, para converter esa zona nun espazo emblemático e característico de Trives, ampliando así a oferta turística do concello, mais actualmente dista moito de verse así.

O turismo é un importante motor económico para Trives, mais desde Son de Trives ven con preocupación unha contradición manifesta entre o dito e o feito. O alcalde, Francisco José Fernández Blanco, ten manifestado: “Temos claro o proxecto de concello que queremos, cara onde queremos ir: queremos un concello turístico”. “O goberno ATI sempre pretendemos que o nome de Trives sexa coñecido por todas partes e que os que nos visitan se leven unha fermosa estampa destes pobos que compoñen o Concello de Trives, e sobre todo, que os turistas desexen volver”.

Dado o estado de deterioro e abandono no que se atopan certos lugares turísticos coma este, desde Son de Trives amosan unha fonda preocupación, instando ao grupo de goberno a tomar medidas no asunto, e pór en práctica un plan de protección de bens de interese turístico, cultural ou histórico para que «non só as persoas que van facer turismo, senón, os propios veciños de Trives se sintan orgullosos da fermosura, boa conservación e xestión do seu patrimonio histórico-cultural».