Unha congresista por California, Loretta Sanchez, encabezou a delegación estadounidense

A misión USA-Ourense “abre portas comerciais” aos produtos ourensáns en Estados Unidos

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a congresista norteamericana Loretta Sanchez clausuraron no mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil a primeira misión comercia USA-Ourense, que se desenvolveu durante dous días na provincia de Ourense,. Baltar e Sanchez coincidiron en destacar nos seus discursos que esta misión comercial “abre importantes portas comerciais” aos produtos ourensáns en Estados Unidos, o maior mercado do mundo, que no caso de California, o territorio da congresista, supón o estado de maior riqueza e poboación do país norteamericano.

Manuel Baltar afirmou que “cooperar e complementarse” “son as palabras que os empresarios ourensáns e norteamericanos máis utilizaron nas reunións “one to one” que mantiveron estes días, pois o grande valor da nosa oferta comercial está na singularidade e na calidade dos nosos produtos, algo moi prezado polo consumidor norteamericano”.

Baltar dixo que se xa é un fito histórico “que vinte empresas USA, que concentran entre todas un volume de negocio que supera os seis mil millóns de dólares e que dan emprego a máis de 45.000 persoas, tamén o é a circunstancia de que por primeira vez a provincia de Ourense acolla a visita dunha congresista pertencente a California, o estado máis rico e poboado dos Estados Unidos, cun PIB como o de Brasil e unha poboación de 39 millóns de persoas”.

“Por elo –subliñou Baltar- a presenza da congresista Sanchez, hoxe en Ourense, realza e prestixia aínda máis esta misión comercial, que ven de establecer importantes alianzas entre empresas de ámbolos dous territorios, e que para a provincia de Ourense supón un salto de nivel moi destacado nas relacións internacionais das nosas empresas, e tamén nos vínculos institucionais, polo que representa de achegamento ao goberno e aos estamentos sociais e empresariais da economía máis poderosa do mundo”.

A congresista prometeu afianzar as relacións entre Ourense e Estados Unidos

Loretta Sánchez agradeceu na súa intervención ao presidente da Deputación “a oportunidade de estar presente en Ourense “acompañando a empresarios do meu país nun evento como unha misión comercial na que creo e me reafirmo, porque o networking e ás relacións humanas vinculadas á economía e á empresa son un piar fundamental para a innovación e o progreso”. A congresista remarcou: “Desde as miñas responsabilidades políticas voume encargar persoalmente de afianzar estas relacións entre Ourense e os Estados Unidos, porque, como dixo o presidente Baltar: isto é só o principio”

Tamén destacou a congresista “o potencial de negocio que unha oferta tan singular como a que esta provincia ten en sectores como agroalimentario, o turístico ou o termal, coa importancia que a auga ten no mundo, o que fai que esta misión non poida ter outra palabra que a identifique mellor que a de “éxito”.

“Desde California exportamos tecnoloxía a todo o mundo; é un dos berces tecnolóxicos”, afirmou Loretta Sánchez, polo cal dixo “valorar especialmente” que a provincia de Ourense “desenvolva unha misión empresarial tendo á tecnoloxía e a innovación como un dos sectores que centrou moitos dos contactos entre empresarios do meu país e ourensáns”.

Pola súa banda, Juan Verde, presidente da Fundación Advanced Leadership, subliñou que esta misión “só é comezo, porque estamos convencidos de que este evento marca un antes e un despois das relacións desta provincia con Estados Unidos”, e engadiu que as empresas ourensás poderán a partires de agora “crear espazo e oportunidades para que empresarios de Estados Unidos poidan coñecer os seus homólogos de Ourense”. “Sendo capaces de xuntar a xente boa, só poden acontecer cousas boas”, rematou.