O cartel é obra de Pablo Menor.

O OUFF desvela a súa imaxe para a 21ª edición

O salón de plenos do Concello de Ourense asistiu ao primeiro paso do XXI Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF): a presentación do seu cartel, obra de Pablo Menor Palomo, e da súa renovada web, na que xa se adiviñan detalles do propio cartel. “A imaxe dun evento define en grande medida a súa alma”, destacou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. “O cartel e a web son dous elementos con moita potencia a nivel de comunicación, pero tamén dúas potentes ferramentas para chamar a atención do que ocorrerá en Ourense do 28 de outubro ao 5 de novembro vindeiros”, dixo.

A presentación contou coa presenza de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) -entidade que renova o compromiso co OUFF achegando 32.000 euros para a presente edición-, quen felicitou o Concello de Ourense “non só por manter o Festival, senón por facer unha aposta decidida optando por un perfil recoñecido no mundo do audiovisual como é Fran Gayo”. Foi precisamente o director asturiano quen tomou o relevo de Sutil, presentándose coa mellor das tarxetas de visita posibles: “Este festival xa avanza a velocidade de cruceiro, así que agora nos retiraremos aos nosos cuarteis de inverno para poñernos a traballar”, dixo.