O conselleiro de Política social visitou no Barco de Valdeorras as instalacións das asociacións ARELA e ASFAVAL.

Rey Varela  amosa o compromiso da Xunta cos  menores e discapacitados

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou este venres no Barco de Valdeorras as instalacións da entidade ARELA, en concreto, a casa de familia e o centro de día, nos que traballan con nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección familiar e/ou conflito social.; así como o centro de día da Asociación de Familiares de Persoas con Discapacidade Intelectual de Valdeorras (ASFAVAL).

No caso de ARELA, tras percorrer os distintos espazos da asociación, o titular de Política Social explicou que “en total, son 68 as prazas concertadas polas que achegamos un total de 1.291.277 euros para o mantemento das mesmas. Un investimento que responde ao compromiso de axudar ás persoas que máis o precisan e ás entidades que traballan no día a día con elas, como é o caso de ARELA”. Ademais, Rey Varela lembrou que a Xunta mantén un convenio de colaboración con esta asociación para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións en medio aberto, ao que destina un orzamento de 413.957 euros.

Así mesmo, o conselleiro tamén se achegou ata o centro ocupacional de ASFAVAL, que conta con 15 prazas concertadas, no que os usuarios do mesmo realizan obradoiros de costura, reciclaxe, informática ou habilidades sociais entre outros. Así mesmo, a entidade dispón dun centro de día no que se ofertan obradoiros de estimulación cognitiva e sensorial, de lecto-escritura ou de actividades básicas de vida diaria. Das 15 prazas que oferta a entidade na modalidade de centro de día, 3 son concertadas. Rey Varela destacou que “o goberno autonómico non é alleo á importancia que teñen estes centros no desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade, polo que a Consellería de Política Social destina un importe de 140.636 euros para o mantemento  destas 18 prazas”.

Tras a visita ao centro, o titular autonómico salientou que “este ano iniciamos o despregamento de novas prazas residenciais para persoas con discapacidade intelectual e a comarca do Barco de Valdeorras será unha das prioritarias”.