Educación pretende suprimir os tres ciclos que se impartían desta modalidade.

O CIFP Portovello defende a formación para adultos

O claustro do CIFP Portovello non abandona a súa reivindicación en defensa dos estudos presenciais para adultos. O ano pasado conseguiron unha moratoria para que os alumnos dos ciclos de Educación Infantil, Atención á Dependencia, e Administración e Finanzas puidesen rematar os seus estudos, pero desta volta parece que a decisión definitiva da Consellería de Educación (que se coñecerá nos próximos días) é a da supresión para o vindeiro curso 16/17.

Segundo Xesús Fortes , xefe de departamento de Servizos socioculturais e á comunidade, desde Santiago “non se escoitaron os argumentos da comunidade educativa”, nunha política de “feitos consumados” que deixará á provincia sen este tipo de estudos (agás un caso concreto en Valdeorras), que si ofertan nas outras tres provincias galegas. Desde o CIFP Portovello defenden as vantaxes da formación de adultos para un determinado tipo de alumnos non acostumados ao manexo das novas tecnoloxías (a alternativa á a formación a distancia), e tamén por impartírense en horarios de tarde-noite, poderen cursarse por módulos e teren máis convocatorias. Unha formación que ata este curso cursaban neste centro educativo de Ourense 64 persoas. Amáis, “o índice de empregabilidade é máis alto na oferta para adultos”, apuntaba este voceiro.

E aínda que ven difícil que a Consellería reconsidere a súa decisión, anuncian que seguirán reclamando a reimplantación deste tipo de estudos no vindeiro curso.