A ministra en funcións recalcou que é un “acordo que obriga” ás partes.

Concello, Xunta, Fomento e ADIF asinan o convenio da estación intermodal

A catro días das eleccións, Concello de Ourense, Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento e Adif asinaron o “acordo administrativo” que garante a execución da estación intermodal de Ourense.

Con esta sinatura cada administración asume tarefas e obrigas de forma oficial para acometer cada un as actuacións da súa competencia para que Ourense teña unha estación intermodal adaptada ás necesidades de transporte dos seus cidadáns.  A ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, recalcou que non é un protocolo senón un “acordo que obriga;  as partes teñen obrigas xurídicas e administrativas”.

A ministra non entrou en detalles sobre o deseño da estación, pero si confirmou que o equipo redactor do proxecto será o mesmo (Foster & Partners) que gañara o concurso en 2011. Pastor citou algunhas características básicas da futura estación, como unha ampliación de máis de 2.000 metros cadrados; unha gran pasarela peonil; unha área de  aparcamento que “máis que duplica” a actual, e parte da cal será soterrada; unha ampliación “importante” de vías, que serán de alta velocidade; e unha “comunicación directa” entre estación de autobuses, que executará a Xunta,  e a estación de alta velocidade.

Con respecto aos prazos, a previsión de Fomento é que a obra “ten que estar rematada a estación para cando chegue a alta velocidade; o compromiso é 2018”, afirmou Ana Pastor.

Valoracións

Ante as críticas da oposición que considerou esta sinatura un acto electoral, a ministra en funcións aclarou que “as administracións temos que seguir traballando” aínda en campaña, e, pola contra, cualificouno e “acto de xustiza para Ourense, que se conseguiu nun ano o que non se conseguiu en moitos”. Previamente, o alcalde, Jesús Vázquez, insistira na mesma idea, engadindo que o convenio “xa pasou por Xunta de Goberno e todo o mundo coñece”. Pola súa banda, a  conselleira de Infraestrutura, Ethel Vázquez, afirmou que este acordo é  o resultado “da suma de esforzos, diálogo e colaboración para sacar adiante este proxecto en común”.

DO defende que foi o único que reclamou o proxecto de Foster

Tras  coñecer a sinatura do convenio, Democracia Ourensana emitiu un comunicado no que recorda que foi o único partido que reclamou que se mantivese o proxecto de Foster, no pleno do 19 de abril de 2016, e o resto de partidos votaron en contra. Un investimento de arredor de cen millóns de euros, que  en DO ven “la primera vez en la historia, que el estado central manda una inversión mayor de lo que reclamó el propio alcalde”.