O alcalde do Barco, Alfredo García, e o presidente do Consello Regulador da D.O Valdeorras, Francisco García, presentaron as actividades que se desenvolverán no marco da XIX edición deste foro vinícola.

17 adegas participarán na Feira do Viño de Valdeorras

A Feira do Viño da Denominación de Orixe Valdeorras, que se celebrará na praza barquense de Viloira os vindeiros 16 e 17 de xullo, contará coa participación de 17 das adegas da D.O., unha máis que en 2015. Este foro vinícola, que acada a súa 19ª edición, inaugurarase ás 12,30 horas da mañá do sábado 16 de xullo nun acto no que intervirá a conselleira do Medio Rural da Xunta, Ángeles Vázquez. Logo da inauguración, tras o pregón e o percorrido das autoridades polos stands participantes, actuará a charanga Fanfarria Taquicardia. O horario de apertura do recinto feiral, nas dúas xornadas, vai ser de 12:30 a 14:30 de 19 a 23 horas.

No marco das actividades paralelas que se van desenvolver ao abeiro deste foro, destaca a celebración dunha cata profesional, que se porá en marcha nas instalacións do Consello Regulador na tarde do venres 15. Por vez primeira estará aberta a todas as bodegas da zona e non só as participantes na Feira. Xunto a isto, haberá unha cata con xurado popular na tarde do sábado (entre as 18:30 e as 20:30 horas). Ao día seguinte, o domingo pola tarde entregaranse os premios aos viños gañadores de ambas as dúas catas.

Xunto a os viños e á gastronomía, a música será a gran protagonista desta edición da Feira. Ademais de Fanfarria Taquicardia, haberá actuacións do grupo valdeorrés Los Correctos e da banda Gin Toni´s, que ofrecerá un concerto na noite do sábado no que versionarán temas de coñecidos grupos da música española dos anos 80. Xunto a isto, actuarán a charanga BB+ e a agrupación musical Pándega. Ademais, desenvolveranse actividades dirixidas aos máis pequenos nos xardíns da Casa Grande de Viloira con hinchables, animación infantil e obradoiros de globoflexia ou pintura, entre outros.

Chamamento aos visitantes

Estes datos foron desvelados nunha rolda de prensa ofrecida polo alcalde do Barco, Alfredo García, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Francisco García. Ambos os dous fixeron un chamamento ao público para que se achegue ata Valdeorras, nas datas nas que se celebra a Feira, e poder coñecer, así, primeira man a singularidade dos viños da zona. Neste sentido, a organización confía en superar a cifra de degustacións rexistrada o ano pasado.

Durante os dous días que dure a Feira, porase en marcha un tren turístico denominado “Valdeorras Expreso” que se encargará de transportar aos visitantes ata o recinto feiral. O tren funcionará en percorridos de ida e volta durante todo o horario de apertura da feira con paradas no polideportivo municipal de Calabagueiros, no hospital comarcal, na Praza do Concello e na Praza de Viloira.

Paralelamente, na rolda de prensa amosouse o cartel divulgativo da XIX edición da Feira do Viño, un traballo que foi realizado por Uxía Conde Delgado, estudante de 11 anos no Colexio de Educación Infantil e Primaria Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín. Tal e como destacou o presidente do Consello Regulador, é a primeira vez que se ten convocado un concurso entre os escolares da comarca para elixir o cartaz ilustrador da Feira.