O VII Trofeo Barrios Deportivo de fútbol sala dispútase o mércores 29 e o xoves 30 de xuño no pavillón dos Remedios.

O mellor do fútbol sala no “Torneo dos Campións”

Os días 28 e 29 de xuño o pavillón dos Remedios acollerá o “Torneo dos campións” do fútbol sala ourensán, o VII Trofeo Barrios Deportivo.  O trofeo foi presentado este martes polos organizadores, Miguel Rejo e Paula Lodeiro, o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, e o administrador do CMD, Cándido Gómez.

O VII Trofeo Barrios Deportivo repite o formato do ano pasado, con categorías masculina e feminina. Na masculina disputaranse dúas semifinais e unha final; na feminina, só final. Todos os partidos terán lugar na cancha central dos Remedios, con entrada gratuíta.

O mércores 29, a partir das 20:15 horas, xógase a primeira semifinal, enfrontando a SD Os Escornaboys e Atl. Maside. De seguido, ás 21:15 horas, optará a un posto na final o gañador do partido entre Cafetería Alecrín/Hnos. Cruz e Hnos.Carral/Pub Deluxe.

En canto á competición feminina, participarán dous dos equipos máis en forma da Liga provincial: o  Cartelle e o Xinzo Feminino. O seu encontro xogarase o xoves 30, ás 20:15h, previamente á final masculina, que dará comezo ás 21:15 horas. Ao remate das finais, haberá entrega de trofeos aos participantes.

Na súa sétima edición, o “Torneo dos campións” xa está consolidado; como dicía un dos organizadores, Miguel Rejo, “notamos que cando acaban as ligas, a xente espera a nosa chamada”.  Desta vez pode haber campión novo ou ben que algún participante revalide o título, pois tanto Hnos. Carral como Escornaboys xa teñen esta copa no seu palmarés.

Durante a presentación deste torneo, o xerente do CMD, Mario González, recordou que “neste mes de xuño levamos nas nosas instalacións ao redor de 10, 15 grandes eventos entre os que se atopa este torneo” e comprometeu o seu apoio para vindeiras edicións. Pola súa banda, Miguel Rejo destacou a pista central dos Remedios como “a mellor cancha para este deporte” e Paula Lodeiro animou aos afeccionados a acudir “a ver un bo espectáculo”.

Os equipos

Na categoría masculina, participan Hnos. Carral/Pub Deluxe (subcampión da Liga Provincial), Atl. Maside (campión da Liga do Carballiño); Cafetería Alecrín/Hnos. Cruz (subcampión da Liga local de Ourense) e SD Os Escornaboys (vixente campión do Trofeo e campión da Liga local de Ourense).

Na categoría feminina, xogarán Cartelle FSF (campioas na Liga Provincial de fútbol sala feminino) e Xinzo Feminino (terceira clasificada na Liga Provincial de fútbol sala feminino).

Historia

En edicións anteriores o “Torneo dos Campións”  recaeu en catro clubes distintos: na primeira edición no Sobrado, nas tres seguintes no En Xogo /Karlaska, na quinta no Hnos. Carral, e na sexta, nos Escornaboys, que defenden o título

O VII Trofeo Barrios Deportivo está organizado pola publicación deportiva que lle dá nome, e conta co patrocinio  do Consello Municipal de Deportes, a Concellería de Deportes de Ourense, a Delegación Provincial de Fútbol Sala e as empresas Garza Automoción, Academia Proxecto e Bar Miguel.