No primeiro semestre de 2016 con respecto ao mesmo período de 2015.

Descenden en dous puntos as infraccións penais

A Subdelegación do Goberno acolleu a reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local; e como convidados dous representante da AA.VV “Ourense Centro”.

Os datos expostos amosan un descenso do total das infraccións penais nestes primeiros meses de 2016 con respecto ao mesmo período do ano pasado, arredor de 2 puntos, sendo este descenso máis acusado no cómputo das faltas detectadas.

A eficacia policial segue a medrar na solución de delitos. A incautación de drogas descende en case 20 puntos con respecto ás cifras do ano anterior; así como un pequeno incremento no número de detidos. Tamén se precisou un aumento notable de persoas identificadas e vehículos revisados por parte da Brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional e as distintas patrullas da Policía Local de cara a afondar no eido preventivo.

Así mesmo, as Forzas e Corpos de Seguridade desenvolveron un total de 164 servizos humanitarios neste primeiro semestre: auxilio a persoas maiores que viven solas, persoas eivadas e apoio ao 061.

Tamén se observa unha diminución no desenvolvemento de concentracións, case vinte puntos, e de manifestacións, arredor dos dez puntos.

En canto á tarefas administrativas de expedición de documentación, o CNP de Ourense xestionou total de 19.900 DNI`s  e pasaportes en Ourense capital.

Plan Turismo Seguro 2016

Na Xunta Local de Seguridade tamén se falou da iniciativa Plan Turismo Seguro, impulsada pola Secretaría de Estado de Seguridade, que se porá en marcha o 1 de xullo, coincidindo coa próxima tempada de verán co obxectivo de mellorar a seguridade no ámbito do sector turístico.

Co fin de lograr a máxima eficacia policial e incrementar a seguridade, potenciarase a coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado coas Policía Autonómica e Local a través das Xuntas de Seguridade. Así mesmo, intensificarase a colaboración do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil coas institucións públicas e privadas que compoñen o sector turístico.

Así mesmo, acentuarase a vixilancia e control preventivo en vías de comunicación urbanas e interurbanas, estacións, portos, aeroportos, hoteis e cámpings e, o reforzo de efectivos en espectáculos e acontecementos que supoñan grandes concentracións de persoas. Con respecto edicións anteriores, faise una aposta decidida polas novas tecnoloxías ao servizo da seguridade.