Este curso de verán de extensión universitaria terá lugar do 5 ao 8 de xullo no Auditorio Municipal Ilduara.

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova centra esta edición no audiovisual galego en feminino

A 13ª edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) 2016, abordará a temática do “Audiovisual galego en feminino. Singularidade e diversidade”. Este curso de verán de extensión universitaria desenvolverase no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova desde o 5 ao 8 de xullo.

Este curso formativo “ten un carácter claramente universitario pero tamén está dirixido á sociedade en xeral” dixo o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández, quen explicou que o título desta edición “responde a que desde os anos 80 vénse producindo un tímido pero sólido avance, do papel da muller no audiovisual galego, en postos de responsabilidade, e esperamos que as 30 mulleres que van acudir eses días a Celanova representen cada un deses campos”.

José Luis Ferro asegurou que no mes de xullo “Celanova converterase na capital do audiovisual galego” e agradeceu a realización deste curso de extensión universitaria que “cumpre varios obxectivos: abre as súas portas á rúa mesturándose coa sociedade e demostra que a formación educativa non ten que estar soamente suxeita ao ámbito  institucional e, por outra parte, axuda a dinamizar pobos como o noso”.

Ao abeiro do CeMAC vaise desenvolver por sétimo ano consecutivo o Taller audiovisual Celanova, plató de ficción, a través do cal este ano están a realizar “unha web serie de humor titulada “Prevenidos” de catro capítulos nos que oito persoas van a Celanova para facer unha curta de baixo presuposto, en clave de parodia metémonos co propio audiovisual”, explicou o seu director Paulino Pérez.

Pola súa banda, o director da Área de Planificación do Campus de Ourense,  José Mª Faílde asegurou que Ourense no curso 2015-2016 “consolida unha oferta de cursos de extensión universitaria que posibilita aproximadamente unhas 415 prazas”.