Terán lugar durante os luns e mércores de todo o verán no espazo da antiga Lonxa Agropecuaria.

Unha vintena de mozos participan nos “Obradoiros de ritmo” de Verín

Unha vintena de mozos e mozas, divididos en dous grupos, participan nos “Obradoiros de Ritmo”, actividade enmarcada no programa municipal Ocio Xuvenil 2016: iniciativa enfocada a dinamizar o tempo de lecer da mocidade verinesa, organizada polo Concello de Verín coa colaboración dá Deputación de Ourense.

O Obradoiro de ritmo, que ten lugar durante os luns e mércores no espazo da antiga Lonxa Agropecuaria en horario de 20 a 21 horas (8 a 14 anos) e 21 a 22 horas (a partir dos 15 anos), comezou o  pasado mércores 29 de xuño e estará dispoñible durante todo o período estival.  As persoas interesadas en participar aínda poden inscribirse na Casa da Xuventude ate completar as prazas dispoñibles, no 988 414 776 ou en verinmocidade@gmail.com.

Os participantes nesta xornadas relacionaranse co mundo da percusión a través da fabricación, manexo e interpretación de instrumentos, coñecendo os elementos básicos da linguaxe rítmica. Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro responsable da área de Mocidade, explicou que  “o que se pretende e crear un par de grupos de percusión que, o finalizar o curso, realicen unha exhibición, tanto dos propios  instrumentos construídos como dos coñecementos adquiridos.”

Verín escoita a súa mocidade co programa Ocio Xuvenil 2016

O Concello de Verín, co apoio da Deputación de Ourense, impulsa a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) o programa Ocio Xuvenil 2016, iniciativa enfocada a dinamizar o tempo de lecer da mocidade verinesa. Durante estas últimas semanas, repartíronse unha serie enquisas en todos os centros de secundaria e bacharelato de Verín para avaliar as demandas da mocidade. “Ao longo da semana que vén analizaremos os resultados destas enquisas  e  presentaremos unha batería de accións enfocadas a dinamizar e complementar o tempo de lecer da mocidade verinesa”, explicou o tenente de alcalde.