Os socialistas reclámanlle ao Goberno autonómico medidas de seguridade adicionais.

A Xunta velará por que Adif restableza a normalidade das estradas afectadas polas obras do AVE

A Xunta comprometeuse a seguir velando por que Adif restableza a normalidade nas estradas autonómicas afectadas polas obras do AVE.  Na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez,  explicou que o Goberno galego dirixiuse a Adif en varias ocasións para trasladarlle a preocupación da Xunta e dos concellos afectados polas obras do AVE.

Menéndez precisou que o Executivo autonómico tamén lle enviou ao departamento estatal  un informe sobre a situación das estradas afectadas, especialmente  a OU-111 (Alberguería-Prado, OU-113 (Verín-Vilar de Barrio) e OU-114 (Caldeliñas-Campobecerros), de modo que lle sirva de base para a tramitación administrativa dos expedientes de reparación das estradas.

A Xunta está a tramitar as autorizacións de obras en dominio público viario para que as UTEs realicen os labores de reparación durante a execución das obras. Así mesmo, co obxecto de garantir a seguridade viaria, a AXI adoptou medidas como a advertencia de perigo, limitación de masa a 25 toneladas, limitacións de velocidade a 30 km/ h en treitos afectados e a retención dos avais depositados polas empresas con motivo das autorizacións de acceso.

Resposta ao grupo socialista

Menéndez respostou así ao portavoz de Infraestruturas do grupo socialista no Parlamento galego, Raúl Fernández, que reclamaba á Xunta medidas de seguridade viaria adicionais polos danos provocados polas obras da Alta Velocidade Lubián – Ourense, así como que se restitúan á   súa situación orixinal, unha vez rematadas as obras. O deputado socialista afirmou que “non atopamos compromisos firmes nas actuacións presentes nin futuras para o amaño destas estradas, tan só arranxos puntuais”.

Fernández denunciou que “non hai un control diario dos desperfectos, atópanse tramos que cada día aparecen con novos problemas, en malas condicións, a Consellería debería ter unha vixilancia permanente destas estradas”. O número delas afectadas por esta situación “cada día son máis, disinto absolutamente o considerar só tres as estradas perxudicadas, atópanse moitas absolutamente destrozadas e non recoñecen esta realidade”.

O socialista engadiu que “queremos saber que administración está a asumir o custo das reparacións destas estradas e quen o fará unha vez se rematen as mesmas, se será Adif o responsable. Ademais, descoñecemos cal e o protocolo de actuación polo que se rexe o goberno galego para subsanar o deterioro destas estradas”.