A Concellería de Cultura estima que máis de 126.000 persoas participaron nalgunha das propostas dos festexos.

A orquestra Olympus, con máis de 4.500 persoas, a actuación máis seguida das Festas de Ourense

A orquestra Olympus, con máis de 4.500 persoas, e o concerto de Fórmula V, con 4.000 seguidores, foron as dúas actuacións máis concurridas das Festas de Ourense. A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, acompañada de parte do persoal da Concellería, compareceu ante os medios de comunicación para facer balance duns festexos que reuniron en Ourense ao longo de nove días a máis de 126.000 persoas. Os datos indican que houbo incremento da asistencia conforme se foi achegando a segunda fin de semana, sen que prexudicara que estivésemos  xa no mes de xullo.

O apartado musical foi o máis seguido das Festas, con máis de 36.000 espectadores nos concertos organizados. Especialmente seguido foron as actuacións da praza Maior, onde o aforo estaba limitado, por primeira vez e por cuestións de seguridade, a un máximo de 2.500 persoas. Así, “o máis grande éxito foi o de Fórmula V, que viron 4.000 persoas”, apuntaba a edil de Cultura. Iglesias explicaba que esta é a cifra de sumar o público no recinto, así como os que estaban seguindo o concerto desde as rúas próximas ou que entraban e saían da praza. Seguíronlle en afluencia Xoel López (2.700 espectadores), The Teta’s Van e Sés (2.500 espectadores), Coque Malla (2.500 espectadores), Delafé e Ariel Rot (2.400 cada un), The Furious Monkey House (2.000 asistentes), e Roi Casal e María do Ceo (1.500 cada un).

No caso dos concertos do Posío, o Ourense Dance foi a cita que máis se achegou ao aforo máximo permitido (2.800 sobre un máximo de 3.000 asistentes); a boyband Auryn reuniu 2.300 mozos e Duncan Dhu 1.500 seguidores.

A edil tamén destacou a “resposta entusiasta” do espectáculo piromusical de apertura das festas, da recuperada  Batalla de Flores e dos concertos das orquestras da rúa Progreso. De feito, foi un das catro orquestras incluídas no programa, Olympus, a que acadou o máximo de asistentes, 4.500, segundo as contas da Concellería.

As bandas que tocaron na praza de San Martiño tiveron unha media de 400 asistentes e as da praza do Ferro, uns 200, sendo os concertos de tributo a Bowie e Coldplay “os máis aplaudidos”.

Máis de 15.000 persoas pasaron polos postos do medieval, que este ano se repartiu polas prazas do casco vello, facilitando o tránsito polas rúas; e o Enofestival “foi todo un éxito, con cheo total”, pois vendéronse as 400 entradas disponibles. En canto a Sabores de Ourense, “os organizadores resaltaron o éxito desta segunda edicdión, debido ao bo tempo e á nova ubicación”, explicaba Iglesias.

A concelleira de Cultura tamén quixo destacar “a cantidade de familias que se achegaron aos distintos espazos onde había actividades infantís”: O Río da Vida, con 400 persoas en cada xornada, o espazo para bebés da Alameda do Bispo Cesáreo ou os inchables da Alameda.

“Síntome contenta”, valoraba Belén Iglesias, que aludía a que se trataba “un éxito fundamental de todo o equipo humano que participo unas festas”, a quen lles agradeceu o seu traballo, ao igual que a Policía Local, Protección Civil e Bombeiros.  A política popular xa anunciou que “desde hoxe estou pedindo 600.000 eruos para as festas de 2017”.

Diferente valoración desde a oposición

Non compartiron este balance desde o grupo maioritario da oposición. Democracia Ourensana emitiu un comunicado no que as tacha das “peores fiestas de Ourense de la historia”. Os de Gonzalo Jácome fan referencia a “ausencia de barracas (que preferían irse a villas), a ausencia total de festejos fuera del casco antiguo, a orquestas con público ausente, atracciones de poco relieve, a un mercado mediaval con 1/3 de los puestos de otros años, dando todo aspecto de fiestas decadentes”.