A previsión é iniciar os despregamentos este ano en 17 polígonos; en 2017, noutros 30; e en 2018, nos 34 restantes.

A Xunta estenderá as redes ultrarrápidas a 81 polígonos industriais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo,  informou que a Xunta vai investir 5 millóns de euros para estender as redes ultrarrápidas en 81 polígonos industrias máis, o que supón acadar o 79% dos polígonos galegos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada.

Segundo detallou Feijóo sobre este acordo aprobado este xoves no Consello, a Xunta investirá 3,4 millóns de euros para que o operador correspondente despregue redes ultrarrápidas naquelas superficies industriais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. Este investimento, dixo, mobilizará en total 5,2 millóns de euros e estenderase durante o período 2016-2018.

Na súa intervención concretou que a oferta do operador que se impuxo na convocatoria publicada o pasado mes de abril permitirá garantir o acceso a este tipo de redes en 81 polígonos industriais; é dicir, 31 máis que o mínimo establecido na convocatoria, polo que un total de 130, case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporá de acceso a redes ultrarrápidas a partir de 2018.

A previsión é iniciar os despregamentos este ano en 17 polígonos; en 2017, noutros 30; e en 2018, nos 34 restantes. O resto de polígonos cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan de Banda Larga, que se estende ata 2020.

O mandatario galego precisou que os 81 polígonos obxectivo desta actuación terán acceso a este tipo de redes a través de fibra óptica cunhas velocidades mesmo superiores de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.