Obradoiros con material de refugallo, xogos cooperativos, de sicomotricidade, musicais, contacontos, lecturas en alto, teatro, monicreques ou maquetas de contos son algunhas das actividades que se realizarán para viaxar coa imaxinación e animar á lectura.

As Bibliotecas Municipais de Ourense abren as súas portas no verán para ofertar actividades de animación a lectura de forma completamente gratuita. A concelleira de Educación, Belén Iglesias, resalta que “as bibliotecas , a diferencia dos CEIPs, estarán abertas durante os meses de xullo e de agosto en horario de 10:30 a 13 horas para adaptarse así ás distintas necesidades familiares, pero o máis importante é que só é nas bibliotecas onde de aceptan nenos e nenas a partir de 4 anos”, afirma. No resto dos programas a idade mínima é de 6 anos.

Un total de 240 nenos e nenas foron inscritos durante a primeira quincena de xuño neste programa, que quere ofrecerlle aos máis cativos unhas vacacións cun toque de diversión, e de aí o título da programación: “Viaxe de volta e reviravolta coa cabeza chola”, xa que persegue o obxectivo de elevar a imaxinación dos nenos e das nenas a través da lectura. “Os obxectivos principais que nos marcamos nesta programación é educar en valores e animar a ler  a través do xogo, favorecer a criatividade, a participación e o traballo en equipo”, asegura a concelleira. Outro dos obxectivos do programa é o de facilitar a conciliación da vida laboral e a vida familiar durante os períodos vacacionais.

As actividades das bibliotecas levarán os nenos de viaxe por diferentes praias e tamén darán a coñecer os animais que podemos encontrar na nosa comunidade. Ademais de acudir a través da imaxinación e das lecturas ao circo, ás festas ou á praia, faranse moitas actividades e viaxes sen saír da cidade só co poder da imaxinación.

Entre outras actividades, a coordinadora do programa, Isabel Doval, cita “os obradoiros con material de refugallo, xogos cooperativos, de sicomotricidade, musicais, contacontos, lecturas en alto, teatro, monicreques, maquetas de contos e representación das historias tanto a nivel oral como escrito e tamén individualmente como en grupo”, afirma.