O Plan “Ourense, a provincia termal” está dotado cun investimento autonómico de case seis millóns de euros.

Máis do 40% das actuacións do Plan Ourense Provincia Termal xa están executadas

Na reunión deste luns do Consello Termal Ourensán constatouse que xa están executadas 31 das 71 actuacións previstas no Plan Ourense Provincia Termal, máis do 40% do total. Na xuntanza, no balneario de Lobios, participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, e alcaldes dos municipios termais ourensáns, e representantes do Campus de Ourense, Asociación de Balnearios, CEO e Cámara de Comercio  Inorde, Expourense e  do sector empresarial termal.

O Plan Ourense Provincia Termal está dotado cun investimento autonómico de case seis millóns de euros, dos que a maior parte foron dedicados a crear novas infraestruturas ou a mellorar as xa existentes. Entre eles, a mellora do acceso ao balneario de Lobios e o acondicionamento da ruta do río Caldo, a liña de axudas Q de Calidade Turística, a viñoterapia en Leiro, o balneario de Cortegada, a piscina flotante termal de Laias, o programa “Benestar en Balnearios” ou a ruta da Auga en Verín. “Grazas ao plan estamos dando os pasos necesarios para que Ourense se consolide nesta década como provincia termal de España”, insistiu Núñez Feijóo.

“A nosa aposta polo termalismo ten máis de pragmático que de romántico”, aseverou o mandatario galego, ao tempo que reivindicou a función social e ambiental que desempeña esta actividade nas sinalizadas como “vilas termais”. Ademais, subliñou a importancia de traballar para que as seleccións deportivas se preparen nos balnearios galegos. “É unha liña de atracción económica moi importante para o sector e a provincia ourensá está dando pasos para consolidarse neste ámbito”, dixo.

Deste xeito, lembrou que a nosa Comunidade é toda unha potencia nun sector, o do termalismo, que ten a capacidade de xerar 1.400 postos de traballo e un retorno económico de arredor de 60 millóns de euros ao ano. “Con máis dunha vintena de balnearios, Galicia é a primeira comunidade de España en cantidade, pero tamén en calidade”, engadiu.

O responsable autonómico fixo tamén referencia durante a súa intervención aos distintos proxectos e iniciativas que puideron ser desenvolvidos na cidade e no seu entorno grazas ao gran consenso institucional acadado. Entre eles, destacou a creación do Campus Auga e a posta en marcha do Club do Produto Turístico da Auga de Galicia.

Importancia do termalismo na «marca Ourense»

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou durante a xuntanza do Consello Termal Ourensán a transcendencia que o termalismo ten para a “marca Ourense”, así como a implicación de institucións, administracións e da iniciativa privada, “que se referenda nesta reunión, onde renovamos o noso compromiso con este sector estratéxico da nosa economía”. O presidente do goberno provincial destacou o “protagonismo termal” que a provincia de Ourense ten no ámbito nacional con iniciativas innovadoras como o “Termalismo Deportivo”, o “Termalismo social”, ou mesmo infraestruturas como a primeira piscina termal fluvial.

A Deputación de Ourense destina cada ano máis dun millón de euros a termalismo e, neste sentido, Baltar pediu aos concellos termais a súa implicación para que nos seus orzamentos tamén figure “unha partida para termalismo”, “para que entre todos promovamos un eixe estratéxico de desenvolvemento da nosa provincia, porque sexan poucos o moitos cartos, o importante é que a palabra “termal” figure nos orzamentos dos concellos”.