Manterá unha reunión cos alcaldes de Eibar e Ermua para celebrar na vila alaricana as Xornadas Euskadi-Galiza.

O alcalde de Allariz viaxará ao País Vasco e Francia

O alcalde de Allariz, Francisco García, acompañará a Banda Unión Musical de Allariz na súa viaxe a País Vasco e Francia.

O rexedor manterá unha reunión de traballo cos alcaldes de Eibar e Ermua para celebrar conxuntamente, en Allariz, as Xornadas Euskadi- Galiza, e asinará, en Francia, un acordo de cooperación co Concello francés de Cadaujac.

Entre o 12 e o 27 de xullo, a Banda Unión Musical de Allariz participará nun intercambio musical con País Vasco e Burdeos. Ofrecerán concertos en Eibar e Ermua e as poblacións francesas de Talence e Cadaujac. “Esta experiencia pon de manifesto o alto nivel que ten acadado a banda de música de Allariz”, explica o Alcalde Francisco García.

A viaxe tamén lle servirá a Francisco García para reunirse cos alcaldes de Ermua e Eibar e determinar a organización das I Xornadas  Euskadi – Galiza que se celebrarán en Allariz do 12 a o 14 de agosto “como recoñecemento a estas cidades que acolleron, durante a emigración, a moitos alaricanos e alaricanas”. As xornadas serán un encontro que servirá de mostra, cultural, deportiva e gastronómica vasca.

En Francia, asinarase un acordo de colaboración e irmanamento co concello de Cadaujac, co que o concello alaricano ven tendo relación dende hai anos.