O tribunal acepta a reclamación das horas extras e nocturnas dos últimos tres anos realizada por 71 traballadores da empresa pública en Ourense.

Dúas sentenzas consideran que o convenio do persoal laboral da Xunta debe aplicarse aos traballadores de Seaga

Dúas sentenzas do Xulgado do Social nº3 de Ourense abren a porta a que se aplique o convenio do persoal laboral da Xunta aos traballadores da empresa pública Seaga. 71 traballadores de Ourense da Empresa pública de servizos agrarios galegos (Seaga) reclamaran xudicialmente o pago de horas extras e nocturnas dos anos 2013, 2014 e 2015. Agora, o xuíz do Social nº3 de Ourense acóllese á tese do sindicato CIG –impulsor das demandas- e apunta a que, ao non ter convenio propio, debéselle aplicar o quinto convenio colectivo do persoal laboral da Xunta.

“É un paso fundamental para todos os traballadores de cara a que as súas reclamacións laborais cambien un mundo”, apuntaba Manoel Anxo García Torres, da CIG. De feito, o fallo xudicial –que pode ser recorrido ao TSXG- pode posibilitar que os 500 traballadores que Seaga ten en toda Galicia -135 en Ourense – vexan recoñecidos unha serie de dereitos dos que ata agora carecían, non só o pago de horas extras, senón tamén cuatrienios, excedencias, vacacións, ou días de asuntos propios ,entre outros. “Imos empezar unha campaña para reclamar o resto de dereitos”, anunciaba o sindicalista.

Desde a CIG non dubidan que a dirección de Seaga recurra a sentenza, pero, ao mesmo tempo, remarcan que a dirección da empresa xa  convocou negociación colectiva. “Estou convencido de que agora teñen presa”, valoraba García Torres, recordando que a central sindical leva anos intentando asinar un convenio propio.

Situación actual do persoal

Os membros do comité de empresa de Seaga en Ourense aproveitaron esta rolda de prensa para denunciar da precariedade e inestabilidade da plantilla outro verán máis.

Unha sentenza recente – desta volta do TSXG- sinala que estes traballadores –que son fixos discontinuos- teñen que traballar durante toda a época de perigo alto de incendios, é dicir, deberían incorporarse aos seus postos o pasado 1 de xullo. Porén,  só os capataces e e técnicos (5 por provincia) están contratados desde o día 5, mentres que o resto da plantilla está previsto que se incorpore a partir do día 13. “Neste tempo non somos capaces de montar o operativo, precisamos como mínimo 15 días”, queixábase o presidente do comité, Manuel Piornedo.

Dispoñer de EPIs (equipos de protección individual contra incendios) e de protectores para desbrozar son outras das súas demandas.