Alegan "falta de diálogo e a incapacidade na xestión" por parte do alcalde, o nacionalista Xaime Iglesias

O PSOE racha o pacto de goberno en Baños de Molgas

O grupo municipal socialista de Baños de Molgas vén de romper formalmente o pacto de goberno co BNG, un ano despois de que posibilitaran co seu voto que o nacionalista Xaime Iglesias accedera á alcaldía. Ademais, anuncian que non renuncian a dialogar co Partido Popular.

Un ano despois, o balance da xestión do BNG é, para os socialistas, «catastrófico». «O alcalde do BNG amosa una total incapacidade á hora de presentar propostas estratéxicas e significativas que cambien a dinámica do Concello, limitándose en moitos casos a executar o legado do goberno precedente», apuntan nun comunicado.

«Esta falta de iniciativa vai acompañada dunha cerrazón total ao diálogo co grupo socialista, ao que o alcalde acusa, de forma pública e notoria, dos seus propios fracasos  e carencias. En cambio, cando se trata de executar as propostas dos socialistas aprobadas polo Pleno do Concello no exercicio das súas competencias, todo son retrasos e escusas», continúa o comunicado do Partido Socialista.

Os socialistas afirman que o BNG só representa «unha minoría dos veciños do Concello» e acusan ao alcalde de «fraude antidemocrático» por gobernar «de costas ao grupo que o levou ao posto que ocupa».  Unha «cerrazón» que alcanza, igualmente, ao grupo popular, sinalan desde o PSOE: «o alcalde goberna hoxe en día con total desprezo cara aos dous terzos dos electores de Baños de Molgas».

A vista de todo isto, o grupo socialista anunciou, o venres 8 de xullo, a ruptura formal do acordo de colaboración asinado en xullo 2015 co BNG, que incluía, nomeadamente, un reparto de dedicacións exclusiva e parcial entre os dous grupos. Nesa sesión, o grupo socialista renunciou a asumir a área de participación cidadá e á representación do Concello en certos órganos e entidades.

O voceiro socialista Segundo Augusto González asegura que “non renuncia a considerar calquera opción, incluíndo o diálogo co grupo popular, que traia a Baños de Molgas a capacidade de iniciativa e a representatividade democrática, da que actualmente carece de forma flagrante o goberno do BNG”.