O alcalde alude a un informe do 17 de xuño para xustificar a decisión de non cubrir a baixa laboral dun traballador de confianza de Democracia Ourensana.

A Lei Montoro impide cubrir as baixas laborais no Concello de Ourense

O alcalde de Ourense xustificou a non cobertura dunha baixa laboral entre o persoal de confianza de Democracia Ourensana nun informe do pasado 17 de xuño que, en último termo, remite á Lei Montoro, que impide cubrir as baixas na Administración pública.

Segundo reza dito informe,” o número máximo de eventuais se establecerá polos respectivos órganos de goberno polo que agotado o número máximo de nomeamentos, o nomeamento dun novo eventual precisa dun cese para os supostos expresados. Non se contempla na lexislación vixente o suposto plantexado de contratación provisional ou nomeamento doutro traballar para cubrir a ausencia temporal de x”.  “Hai un informe que di que non podemos cubrir esa praza, non é unha decisión de alcaldía,”, afirmaba Jesús Vázquez na rolda de prensa trala Xunta de Goberno local.

“Cando un traballador cae enfermo, este Concello non pode substituír a ese traballador, porque hai unha lei que o impide”, recalcou o político popular. Unha situación que non é única para o empregado de DO, pois nela atópanse entre 30 e 50 traballadores da Administración local, incluídos xefes de servizo, cuxas baixas non se poden cubrir.

Democracia Ourensana anunciara que se no prazo de sete días o Concello de Ourense non resolvía a que consideraban unha “injusticia laboral”, procederían a contratar un traballador sustituto e interporían unha demanda laboral contra o Concello.

Asuntos da Xunta de Goberno

Na sesión da Xunta de Goberno local deste xoves, o grupo de goberno tratou 25 expedientes.  Destaca,  a impugación mediante recurso contencioso da petición por parte do Ministerio de Hacienda do reintegro de 180.000 euros do proxecto de saneamento e abastecemento da Bouza-Lodeiros correspondente ao Plan E. “Este Concello considera que as melloras ofertas pola empresa, aínda que non se cumpriron, os cartos si se destinaron a esa obra”, explicou o rexedor.

No apartado de infraestruturas, admitiuse a trámite o estudo de viabilidade para un aparcadoiro soterrado na contorna da residencia universitaria, e requírense máis documentación á xunta de compensación. Doutra banda, aprobouse o convenio con Augas de Galicia que permitriá destinar 610.000 euros entre este ano e 2018 á actuacións de mellora do saneamento do rural da capital ourensá.

Tamén se ratificou o convenio que permitirá que a Consellería de Medio Rural execute obras no parque de Montealegre por valor de case 60.000 euros.  “As obras comezarán de forma case inmediata”, precisou Vázquez, quen detallou algunhas das actuacións previstas, entre as que están a creación de sendas peonís, a eliminación de especies invasoras, a dotación de mobiliario de madeira  e a mellora do sistema artificial de rega. Para seguir mellorando o xardín botánico, ao Concello fóiselle concedida pola Xunta unha escola con módulo de xardinería e de albanelería, adiantou o rexedor.

En Asuntos Sociais, aprobáronse, por primeira vez, as bases para seleccionar proxectos para a realización de actividades nos centros cívicos e do programa de envellecemento activo para o  curso 2016-2017. Programas da Concellería que chegan a máis de 2.700 usuarios finais e para os que se abre unha liña de 115.705 euros, como mínimo, en dúas anualidades.

Fóra da orde do día, a Concellería de Medio Ambiente deu conta dun informe dos traballos realizados no último ano no viveiro municipal, que permitiron un aforro de 58.000 euros na compra de arbustos tan só nunha tempada.