A obra que o Concello vai acometer sería máis eficiente dotando dun uso ao espazo, pensa este grupo municipal.

Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, reflexionaba este martes, tras a xunta de área de Urbanismo, sobre o futuro do antigo cárcere do Progreso: “a actuación de seguridade que se vai acometer na edificación, é un moi bo momento para que o espazo e a propia intervención teñan un retorno para a cidade, e que, aínda que sexa temporal, o cárcere teña un uso”.

Ourense en Común suxire deseñar un proxecto, habilitar unha partida orzamentaria, que aumentaría a prevista a día de hoxe para o apuntalamento da edificación a efectos de seguridade, e permitir que o cárcere se abrise, e “se no futuro se desarrolla o PERI das Burgas e se destina a outro uso, a lo menos teríamos aproveitado os recursos e o propio espazo, pechado desde hai case 30 anos.”

Na Xunta de Área de Urbanismo e Vivenda, Ourense en Común presentaba ademais unha queixa formal, solicitando que fose recollida en acta, en referencia ao proceder tomado no peche da beirarrúa anexa ao cárcere, xa que o informe recibido polo Concello no mes de maio, transcendeu antes aos medios de comunicación (que o recollían a pasada semana) que aos grupos da oposición municipal, aos que aínda se lles facilitou esta martes.

Este ditame, do 19 de maio de 2016, ao respecto da Inspección Técnica do edificio, contiña un informe desfavorable do Arquitecto Técnico, indicando que“dado el estado del alero y los revestimientos de fachada en la calle Progreso, se considera imprescindible el cierre del tramo de la vía pública que discurre paralela a la edificación, en un ancho suficiente para evitar daños a peatones y circulación de vehículos mientras no se instale una marquesina de protección, que proteja a la vía o se realice la reparación del mismo”.

Denuncia a «marea» ourensá que lonxe de asumir as responsabilidades fronte a este perigo para a seguridade cidadá, o Partido Popular mantivo aberta a beirarrúa á circulación durante case dous meses máis, ate hai só uns días. “Por sorte non pasou nada, pero non pode ser que nos escudemos en que non hai persoal nun problema de seguridade cidadá, para que os propios servizos do concello non actúen con outra urxencia. Estudiaremos o informe que se nos facilitou hoxe para esixir e as responsabilidades oportunas a nivel técnico e político”, apuntaba Martiño X. Vázquez.