Verín estende a oferta de cine a toda a Mancomunidade

A aposta do Goberno de Verín pola reimplantación do cine na comarca como elemento de vertebración cultural dá un novo paso este verán, coa extensión das sesións de cine ao aire libre a todos os concellos da Mancomunidade, en base a un convenio con esta entidade, e coa ampliación dos horarios do cine comercial de tempada na Casa da Cultura de venres a luns, nalgún casos ata o martes, inclusive.

Igualmente, a colaboración entre o Concello de Verín e a Mancomunidade permitirá celebrar sesións de cine de verán ao aire libre en todos os concellos da área ao longo do verán dende a semana que vén. Trátase nestes casos, en virtude da Lei do Cine, de cinema xeralista con películas obrigatoriamente gratuítas.

Esta aposta de Verín e o conxunto da comarca de Monterrei ven de ser recompensada coa concesión por parte da Xunta de Galicia de 15.000 euros de subvención para o cine. Concretamente, a axuda foi solicitada para  financiar a reforma e dotación de elementos de exhibición para os locais de proxección, que permitiron o retorno do cine  a Verín.

Durante os días 22, 23, 24, 25 e 26 de xullo o cinema de Verín acolle a proxección da película “Ice Age 5” no Salón de Actos da Casa da Cultura con pases ás 20:15 e 22:15 horas o día 22, ás 20:15 e 22:30 horas os días 23, 24 e 25, e ás 20:30 horas o día 26.

Durante os días 29, 30 e 31 de xullo e 1 e 2 de agosto, o cinema de Verín acolle a proxección da película “Money Monster” no Salón de Actos da Casa da Cultura con pases ás 20:15 e 22:30h os días 29, 30 e 31 de xullo, e ás 22 h os días 1 e 2 de agosto.

Ademais, as proxeccións chegarán a Oímbra o 27 de xullo con «Del revés»; o 28 de xullo en Verín con «Jurasic World»; á Alameda de Vilaza, en Monterrei; o 9 de agosto con «Jurasic World»; a Laza o 10 de agosto con «Del revés»; a Cualedro o 11 de agosto con «Jurasic World»; a Castrelo do VAl o 13 de agosto con «Del revés»; a Vilardevós o 16 de agosto con «Jurasic World»; e finalmente de novo en Verín o 17 de agosto con «Del revés».