O novo comisario de Ourense, Antonio Álvarez Valencia, presentouse este venres ante os medios de comunicación.

Antonio Álvarez, comisario xefe de Ourense: “Non teño previsto facer ningunha revolución”

Antonio Álvarez Valencia asumiu fai tres meses o cargo de comisario xefe da Comisaría de Policía de Ourense, nun momento en que esta se atopaba en plena crise polos procedementos xudiciais e as investigación internas abertas polo caso das armas desaparecidas e o destamentalemento do grupo de estupefacientes, ademais do suicidio dun axente.

Natural do concello de Muíños, Antonio Álvarez ingresou no Corpo Nacional de Policía en  1977. Desenvolveu practicamente toda a súa carreira profesional en Cataluña, sendo o seu último destino o de xefe provincial de Operacións de Tarragona.

Aínda sen tomar posesión oficialmente do seu cargo, Álvarez Valencia mantivo un encontro cos medios de comunicación ourensáns, aos que informou do seu obxectivo fundamental de apostar pola “transparencia” e a “proximidade ao cidadán” durante o tempo que exerza o cargo. O comisario recoñeceu que se atopou un clima de traballo e de moral “un pouco decaída”, e unha plantilla que se sentía “un pouco orfa” polo baleiro de poder trala marcha do anterior comisario. Uns axentes que acolleron ben a chegada de “alguén de fóra” que asumise as rendas da Comisaría ourensá.

Neste tempo, fixo “pequenos cambios”  na casa da Policía Nacional, tratando de “motivar os equipos” aplicando un sistema win-win: “que gañen os funcionarios e que gañe o servizo”, explicaba aos xornalistas. “Non teño previsto facer ningunha revolución”, adiantaba, e amosábase “contento” cos xefes de brigada e de grupos dos que dispón.

Valoración dos casos abertos

Con respecto ao caso de Socorro García, 14 meses despois da aparición do seu coro, o comisario explicou que o caso non está pechado. “Se ha traido un grupo especializado de Madrid, los análisis se han vuelto a repetir y estamos esperando  los resultados”, detallou. Nun caso n que non hai “móvil claro”, manexan principalmente a hipótese dun caso de “naturaleza sexual”, sen pecharse a ningunha outra liña de investigación “salvo a económica”.

Outro caso importante por resolver na Comisaría ourensá é a aclaración do suicidio dun axente esta primavera e a desaparición de varias armas en 2015; “un auténtico guión de cine negro”, definíao o policía. Un caso no que traballa a propia Comisaría, asuntos internos e hai ao mesmo tempo dilixencias xudiciais abertas, e que agarda resolver, igual que o de Socorro García, antes de xubilarse (quédanlle dous anos).  Álvarez Valencia non quixo entrar a valorar a xestión deste episodio polos anteriores responsables da Comisaría: “eso sería muy pretencioso, sin estar aquí”, afirmou.

Déficit de plantilla

Antonio Álvarez recoñeceu un déficit no plantel da Comisaría de Ourense “de 45 persoas”, pois catálogo marca 242 axentes e tan só son 197. “Nos apañamos con lo que hay”, valoraba  o comisario, recoñecendo que esta era unha problemática xeralizada en toda España.