O Concello de Ourense ten case o 21% das accións desta Sociedade Anónima Deportiva.

Ourense en Común defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que solicitará que o Alcalde inicie os oportunos estudos económicos e xurídicos para desprenderse das accións titularidade do Concello de Ourense na Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto.

“As administracións locais, como entes públicos que son, non deberían participar nos órganos de administración de sociedades con ánimo de lucro cuxa actividade está fóra de toda capacidade de fiscalización. Así é que non é posible aplicar neles os protocolos de garantías que a propia administración pública esixe.”

As 4.600 accións que no seu momento adquiriu o Concello por un valor de 23 millóns das antigas pesetas, supoñen case o 21% da entidade deportiva, que afronta a nova tempada coas inscricións xa realizadas para que o primeiro equipo xogue na liga LEB Oro e o seu filial na liga EBA.

A venda das accións do Concello, que xa fora suxerida polo propio consello de administración do COB en xuño de 2010, sendo presidente Jorge Bermello,  liberaría ao club de lastres impostos pola institución, permitindo que o resto dos accionistas e mesmo os afeccionados poidan implicarse co proxecto, tomando as rendas e decidindo libremente o futuro da entidade. É por isto que dende Ourense en Común solicitan que o Concello de Ourense venda as participacións que actualmente posúe, sen perseguir lucro algún, ao prezo actualmente estipulado, e destinar os fondos recadados a atender as necesidades básicas da veciñanza.

Ourense en Común inclúe na súa moción que se estude o sistema máis satisfactorio para ambas partes na transacción, contando cos servizos xurídicos e económicos da institución para buscar a mellor alternativa.

O accionariado do COB-SAD, divídese actualmente entre o 42% que posúen a partes iguais Concello e Deputación; diferentes empresas como Coren, COPASA, La Región, Planos Publicidade ou o ex-presidente do club Jorge Bermello, que en conxunto suman outro 39%, e un 19% de pequenos accionistas, que no seu día adquiriron menos de 100 accións da entidade deportiva.

Dende Ourense en Común queren lembrar tamén que a colaboración das administracións públicas coa Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto materialízase de diferentes modos. Así pode ser mediante a cesión de instalacións deportivas nas que adestrar e disputar partidos, nas que fornecer unha canteira e unha afección, indispensables para a sustentabilidade de calquera club. Asemade tamén mediante a posta a disposición do club de todos os medios necesarios para que o espectáculo que supón un encontro deportivo deste nivel se poida realizar coa máxima seguridade.