O prazo de execución das obras recurtouse en varios meses.

A nova ponte sobre o Miño nos Peares, para setembro

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou este martes o avance das obras da nova ponte sobre o Miño nos Peares, que segundo indicou, estarán rematadas no vindeiro mes de setembro. A conselleira estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e dos alcaldes dos concellos da Peroxa, Nogueira de Ramuín, Carballedo e Pantón.

A día de hoxe a ponte xa une as dúas beiras do río e só restan os traballos de recheo da estrutura, estender o pavimento de formigón, colocar os lastros e a iluminación led na ponte.

Vázquez Mourelle subliñou que esta infraestrutura, cun investimento de 2,78 millóns de euros, contribuirá a reforzar os vínculos que xa existen entre estes catro concellos e suporá unha mellora da calidade de vida dos veciños. Ademais, engadiu que reportará un maior dinamismo económico a toda esta zona xa que as mellores comunicacións supoñen tamén un estímulo para o turismo.

A titular de Infraestruturas destacou que se trata dun fito importante o feito de que xa estean unidas as marxes, xa que vai permitir completar as comunicacións entre ambos os lados do Miño: pola marxe dereita cos concellos de Carballedo e A Peroxa, e coa estación de ferrocarril; e pola esquerda, cos municipios de Pantón e Nogueira de Ramuín, e a N-120.

Esta nova ponte evitará que os veciños teñan que facer un percorrido de máis de 5 quilómetros por estradas sinuosas, xa que na actualidade vense obrigados a cruzar dunha marxe do río á outra a través da presa dos Peares, situada a uns 2,5 km dos principais núcleos de poboación.

A conselleira destacou que a nova infraestrutura é integramente galega, desde o deseño ata a empresa construtora. Conta cunha lonxitude de case 200 metros e un ancho de cinco metros e isto posibilitará o uso compartido por parte de vehículos e peóns, aínda que se lle dará prioridade ao uso peonil.

«Traballamos para mellorar a mobilidade dos veciños dos Peares, mellorar a seguridade e o facemos aquí nos Peares con especial coidado á paisaxe», explicaba a conselleira, pois a ponte ten un deseño que encaixa co contorno e unha estética que minimiza o seu impacto visual.

Para completar e favorecer os desprazamentos a pé, a Xunta construirá unha nova senda de máis de 300 metros que comunicará a ponte co núcleo de casas situadas augas arriba, nos Peares, pola marxe esquerda.