O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo unha reunión co colectivo de pais e nais dos usuarios do Centro de Educación Especial Miño de Velle.

Adxudicada a creación dun centro para discapacitados en Ourense

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, adxudicou o contrato para a redacción do proxecto de creación dun novo centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) en Ourense. Así o trasladou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ao colectivo de pais e nais de mozos e mozas con discapacidade psíquica e física do Centro de Educación Especial “Miño”, de Velle, no transcurso dun encontro técnico que permitiu aos integrantes deste colectivo ser copartícipes desta iniciativa.

Ábrese así o prazo de dous meses para rematar o proxecto construtivo da primeira fase deste centro. O titular autonómico destacou que deste xeito “cúmprese o prazo que dende a Consellería de Política Social trasladamos aos pais e nais, que no mes de xullo teríamos esta reunión, que o proxecto estaría adxudicado e que teríamos o crédito orzamentario necesario para a licitación deste centro”.

O centro emprazarase na zona de Mariñamansa e a xestión do mesmo será pública, respondendo así ás peticións do colectivo de pais e nais. Estímase que a redacción e licitación do proxecto estará preparada para finais de 2016.

Deste xeito, o conselleiro de Política Social dá resposta á petición que o colectivo de pais e nais do Centro de Educación Especial “Miño” lle trasladou no pasado mes de marzo, concernente á creación dun centro público para maiores de 21 co obxecto de que os seus fillos e fillas teñan a posibilidade de continuar coa súa formación e desenvolvemento persoal.