Maridaxe de música e viño no III “Ribeiro Blues Winefestival”

A III edición do “Ribeiro Blues Winefestival” reunirá os días 12 e 13 de agosto, no parque náutico de Castrelo de Miño, a 24 adegas de viños do Ribeiro e a grupos de blues de referencia.

No acto de presentación, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, destacou que se trata de “promocionar un sector económico estratéxico, o vitivinícola, a través dunha idea innovadora e de vangarda como esta celebración”.

Durante o festival, estarán presentes “24 adegas que darán a catar máis de 100 marcas distintas de viño, acompañados da mellor gastronomía. Este ano teremos unha zona nova de street food, que ofertarán os mellores produtos para harmonizar o viño do Ribeiro”, explicou o alcalde do Concello de Castrelo de Miño, quen salientou a calidade dos viños do Ribeiro asegurando que “acaban de entregarse os premios aos mellores viños de Galicia e para nós, como municipio, é unha honra que os dous mellores viños brancos de Galicia estean en Castrelo de Miño”.

música correrá a cargo o venres, 12 de agosto, da banda Freedonia, continuando coas actuacións das bandas galegas de Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers, Johnny Cat & The Poor Dogs, e Gold&Colt. O sábado, 13 de agosto, será a quenda para Vargas Blues Band, “a banda de blues española de referencia internacional que se atopa de xira por todo o mundo”, dixo Xurxo Rodríguez. En canto ao blues galego, ese día actuarán The Lákazans, Los Hermanos Zapruder e, ademais de este estilo musical, haberá un espazo dedicado ao folclore galego a cargo do grupo O Fiadeiro.