A consellería de Medio Ambiente investirá, ademais, 230.000 euros en mellorar a praza e a alameda de Covadonga.

600.000 euros para a mellora do saneamento en zonas rurais

O Salón de Plenos da Consistorial acolleu este mércores a sinatura do convenio de colaboración entre a entidade pública de Augas de Galicia e o Concello de Ourense para a execución de actuacións de ampliación e mellora do saneamento no rural de Ourense, co financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do programa de Desenvolvemento Rural Galicia 2016-2018.

Así, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través de Augas de Galicia acometerá obras de mellora no saneamento, que serán por un importe total de 600.000 euros no período 2016-2018.

“Trátase dunha inversión a longo prazo en calidade de vida, en mellorar as condicións nas que residen moitos veciños e veciñas do municipio de Ourense. Estamos a falar de obras de suma importancia, pois trátase de ampliar e mellorar o saneamento no rural de Ourense, o que inclúe a súa posta en servizo, a súa explotación e a súa conservación e mantemento”, recalcou o alcalde, Jesús Vázquez, trala sinatura do convenio.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achegará outros 230.000 euros na mellora da praza e alameda de Covadonga. Obras que dende o goberno autonómico agardan que se inicien no mes de outubro.

Con este acordo, dáse un paso máis no compromiso do Goberno galego co saneamento en Ourense, cidade na que xa se teñen investido 11 millóns de euros desde 2009, destacando de forma especial o orzamento destinado á construción da nova EDAR. «O noso compromiso co abastecemento e o saneamento é firme», indicou a conselleira, «porque poder contar con auga potable e un saneamento de calidade é un dereito esencial de todos os seres humanos».