O venres 29 de xullo, desde as 10 ata as 12 horas, os veciños que así o desexen poderán visitar as instalacións do que será o sexto centro de saúde da cidade.

Xornada de portas abertas no centro de saúde do Couto

A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras organiza unha xornada de portas abertas para os veciños dos barrios do Couto, Reza, Vistafermosa e Rabo de Galo con fin de que poidan coñecer as instalacións e equipamento do seu futuro centro de saúde. A visita está programada para o venres 29 de xullo, entre as 10 e as 12 horas.

Previamente nesa mesma mañá, e a partir das 9:00 horas, a xerente da EOXI, Eloína Núñez Masid, e a directora de Procesos Asistenciais sen ingreso, Mª Isabel Gómez Fernández, acompañarán tamén aos representantes dos colectivos veciñais do Couto, Reza, Rabo de Galo e Vistafermosa, aos representantes do Centro Comercial aberto Couto Centro, da Sociedade Cultural Albor, e tamén aos representantes das empresas e comercios máis senlleiros do barrio de O Couto a unha visita a unha visita previa para coñecer de primeira man unhas instalacións que pretenden ofrecer asistencia sanitaria a cerca de 12.000 usuarios do que será o futuro sexto centro de saúde da cidade de Ourense.

Información no domicilio dos usuarios

Nas vindeiras datas todos os usuarios recibirán información personalizada no seu domicilio onde se lles informará e explicarán os trámites necesarios a facer antes da apertura do centro. A súa posta en funcionamento permitirá redistribuir a poboación de referencia do Nóvoa Santos seguindo o criterio de proximidade e accesibilidade, sen prexuizo dos cambios que, en adiante, se puidesen producir, sempre respectando o dereitos dos usuarios á libre elección de centro ou profesional.

Características do novo centro

Os futuros usuarios estrearán un moderno centro de saúde, dotado coas últimas melloras en canto a accesibilidade e climatización, ampla distribución de espazos e abundante luz natural. O novo centro de saúde do Couto ten unha superficie de 1.500 metros cadrados en forma de “U” e dividido en tres niveis.

Na planta semisoto sitúanse as consultas de pediatría, sala de educación maternal, matrona, farmacia e odontoloxía. Na planta baixa, e nivel de acceso principal, a área de admisión-administración, traballo social, consulta de atención de urxencias, almacéns, arquivo e, na primeira planta, as consultas de medicina e enfermería familiar e comunitaria e Fisioterapia. Na cuberta do edificio, están situadas as instalacións.

O ambulatorio contará con sete consultas de medicina xeral, sete de enfermería, unha de matronas, unha de farmacia, traballador social, odontoloxía, hixienista dental, sala de educación maternal, consulta de fisioterapia e ximnasio, dúas consultas, de pediatría e enfermería pediátrica, sala de técnicas (cirurxía menor), polivalente, consulta de atención de urxencias e unha consulta do programa da muller. Todas elas xa equipadas e pendente do remate dos últimos trámites precisos para súa apertura.