Ethel Vázquez precisou que esta iniciativa ten como obxectivo que os veciños poidan ter, canto antes, sendas seguras e sostibles para realizar os seus itinerarios habituais.

A Xunta investirá 2 millóns en 13 novas sendas en Ourense

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde, Jesús Vázquez; e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; presentou este xoves as actuacións do Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ourense, onde se executarán 13 novas sendas, que suman 16 km e un investimento de máis de 2,6 millóns de euros.

Vázquez Mourelle concretou que a Xunta xa ten o estudo rematado e agora encargarase a redacción dos proxectos que permitirán executar as obras nos distintos treitos de sendas cualificados como necesarios e prioritarios. Engadiu que  ao longo do outono os técnicos contactarán cos alcaldes dos distintos municipios para concretar os proxectos dos itinerarios peonís e ciclistas e avanzar nos detalles técnicos.

A conselleira explicou que antes de que finalice o ano estarán en redacción todos os proxectos das sendas da comarca de Ourense, para proceder á licitación das obras a medida que se vaian recibindo.

Ethel Vázquez subliñou que esta iniciativa ten como obxectivo que os veciños de Ourense e do seu contorno poidan ter, canto antes, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais. O Goberno galego inclúe neste proxecto sendas como as seguintes: parques empresariais, A Ponte Sevilla, A Derrasa, Montealegre, A Medorra, Valdorregueiro, Reza, Paiseo, Rabaza, Perdigón, Santa Baia e As Vendas.

 

Plan de Sendas de Galicia

Estas actuacións presentadas en Ourense forman parte do Plan de Sendas de Galicia, na súa segunda fase. Cabe salientar que entre a 1ª e a 2ª fase do plan, desde a Xunta estase a impulsar a construción de 95 novas sendas, case 125 novos km de itinerarios peonís e ciclistas en 11 comarcas de Galicia, que suporán un investimento de preto de 37 millóns de euros.

Con estas actuacións búscase protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Ademais, as sendas tamén promoven unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.