O concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, entregoulles en Xunta de Área aos grupos da oposición o proxecto de ordenanza remitido pola Xunta ao fin de que poidan realizar alegacións no prazo dunha semana.

Cudeiro vén de entregarlle aos grupos políticos do Concello de Ourense o proxecto remitido pola Xunta de Galicia para a creación dunha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados da cidade. Agora contan cunha semana para formular as súas enmendas ou alegacións, paso previo a que o servizo do PERI poña a redactar a ordenanza definitiva.

O obxectivo é o de facilitarlle acceso a unha vivenda ás persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares, se atopen en situación de vulnerabilidade, e realizarase a través de vivendas incorporadas voluntariamente, ben por particulares, entidades públicas ou privadas. O departamento de Vivenda ocuparase de aseguralas por dobre vía, cun seguro de fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia xurídica para a tranquilidade dos arrendatarios.

Deste xeito rescátanse inmobles para destinalos ao alugueiro social, o programa ofrécelles garantías aos arrendatarios e dinamiza os lugares da cidade con máis inmobles desocupados.