Os cinco alumnos deste centro educativo premiados presentaron o vídeo titulado “Consumir non significa gastar: pode ser un modo de conservar”.

A Xunta felicita ao IES O Couto, de Ourense, tras acadar por segundo ano consecutivo o premio ao mellor traballo na categoría de 1º e 2º curso de ESO na fase nacional do certame escolar Consumópolis, un concurso de consumo responsable no que en Galicia participaron nesta undécima edición preto de 900 estudantes de primaria e secundaria.

Os cinco alumnos integrantes do equipo Los Softwares do IES O Couto (Alicia Antas Redondo, Guillermo Bello Armada, Carmen Tain Rodríguez, Carmen González Fernández e Raquel Feijoo Díaz) presentáronse ao certame co vídeo titulado “Consumir non significa gastar: pode ser un modo de conservar”, unha proposta dirixida pola docente Francisca Vega Mondelo, que xa coordinou a outros equipos gañadores en anteriores edicións.

Este ano o concurso celebrouse baixo o lema “Ti consomes: Fano igual en todas as partes?”. Nesta edición o alumnado elaborou un vídeo no que se comparan dúas maneiras distintas de consumir. Nos vídeos o alumnado de educación primaria comparou aspectos relacionados coa alimentación (produtos alimenticios, dieta…) ou co lecer; mentres que o alumnado de secundaria realizou comparacións entre o lecer ou a compra de produtos e servizos.

A nivel nacional, no presente curso escolar a participación foi de máis de 7.500 alumnos e alumnas, sendo Galicia a segunda comunidade autónoma con maior número de participantes, só por detrás de Andalucía.

A través da participación neste concurso a alumnado descubriu que non se consome igual en todas as partes do mundo e que unha das principais diferenzas está na alimentación. Desde xeito, promóvese que os rapaces e rapazas aprendan a consumir responsablemente, dunha forma lúdica e amena, utilizando ferramentas dinámicas e motivadoras.