Os proxectos de execución de ambos proxectos xa están no Concello, e a xunta de goberno local vén de aprobar a concesión da licenza de obra.

A xunta de goberno local do Concello de Ourense tratou este xoves dúas boas noticias para a cidade: “O inminente come das obras Campus da Auga, cun orzamento de máis de catro millóns”, anunciaba o alcalde, Jesús Vázquez, “e a do inmoble da rúa da Barreira que acollerá o novo albergue de peregrinos da cidade de Ourense”. Os proxectos de execución, en ambos casos, están entregados nas dependencias municipais, e coa concesión da licenza de obra dáselle luz verde á súa construción.

O Campus da Auga, nos terreos do Campus universitario, será un edificio composto de souto, planta baixa e tres plantas altas, con destino a laboratorios, elementos comúns, despachos, oficinas e aulas, segundo proxecto redactado polos arquitectos Alfredo Freixedo e Pedro Diéguez, cun orzamento de execución material de 4.143.527.00 €. No caso do inmoble da rúa da Barreira 12, cun orzamento de execución material de 486.532 €, só resta unha cata arqueolóxica para o seu inicio.

Cabalgata de Reis

No eido da Cultura, aprobouse o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo do deseño e produción de carrozas para a cabalgata de Reis 2017, establecendo como importe da contratación o de 27.000 euros (22.314,05 € de principal, e 4.685,95 € de IVE). A cifra é sensiblemente inferior á do ano pasado, de 40.000 euros.

Outros acordos

A xunta de goberno local tratou ademais cinco expedientes de disciplina urbanística de diversa índole; e catro peticións de responsabilidade patrimonial.

Así mesmo, póñense a disposición da Deputación Provincial os terreos necesarios para a execución das obras de mellora de firme e pluviais na rúa da Casilla (no barrio da Ponte).

E por último, o alcalde anunciou tamén senllos convenios de colaboración entre o Concello e a Xunta, para a promoción de Ourense como Capital Termal (30.000 euros), e para a renovación das carpinterías existentes no baixo e no terceiro andar da Casa do Concello (50.000 euros).