A secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e o alcalde de Cualedro asinaron o convenio de colaboración.

Medio Ambiente destina 213.000 euros á mellora da rúa da Igrexa na Xironda

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, investirá 213.000 euros na mellora do pavimento e servizos da rúa da Igrexa na Xironda e adaptación do toural da feira en Cualedro.

A secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, María Jesús Lorenzana, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, asinaron o convenio de colaboración polo que se garante a execución desta actuación. O seguinte paso será a licitación das obras por parte da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio, co fin de poder iniciar os traballos de mellora ao longo de 2016.

A actuación consistirá na mellora do pavimento e servizos da rúa da Igrexa na Xironda, para que o espazo resulte máis atractivo; así como na adaptación do toural da feira en Cualedro para a súa utilización como área de lecer por parte dos usuarios da residencia de anciáns e do centro de día situado nesa parcela.

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia.