A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou o Centro de Información á Muller de Beade.

A Xunta amosa o seu apoio ao CIM da Mancomunidade do Ribeiro

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xuntanza cos concellos que compoñen o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade do Ribeiro, onde manifestou o apoio do Goberno galego a estes centros, que ano tras ano reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.

Os CIMs configúranse como servizos de información, asesoramento xurídico e psicolóxico e de orientación laboral e profesional, con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. Ao longo do ano pasado, o CIM do Ribeiro atendeu a 120 persoas e recibiu 262 consultas. O Centro conta cunha asesora xurídica, un auxiliar administrativo, unha traballadora social, unha animadora sociocultural e unha psicóloga que tamén exerce como directora.

Ademais, dos concellos que conforman a Mancomunidade do Ribeiro,  o Concello  de Cenlle e o de Cortegada están adheridos á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.