A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, visitou o edificio e analizou as vantaxes que supoñen para os cidadáns a reorganización dos espazos do Pazo de Xustiza

A sección primeira da Audiencia cambiará de ubicación en setembro

Marisol Díaz e Manuel Pardo visitaron os Xulgados de Ourense.

Manuel Pardo e Marisol Díaz, nos xulgados.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, realizou unha visita ao edificio do Pazo de Xustiza que alberga a Audiencia Provincial de Ourense para coñecer de primeira man o estado das súas instalacións e supervisar o remate das actuacións que se executaron para trasladar a sección primeira da Audiencia ao cuarto andar, a partir de setembro. Os traballos realizados están enmarcados no Plan de eficiencia enerxética e obras menores 2016-2018 que promove a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Díaz Mouteira, xunto co xefe territorial deste departamento autonómico, Manuel Pardo, percorreu as dependencias da Audiencia na compañía de membros da xudicatura ourensá, cos que analizou os proxectos de mellora previstos e as necesidades do edificio.

“Con estas actuacións –dixo a delegada territorial- beneficiaranse tanto os traballadores das institucións xudiciais, que gañarán en confort e facilidades para desempeñar as súas funcións, como a cidadanía en xeral, dado que as melloras a realizar contribuirán a incrementar a calidade do servizo prestado aos usuarios”.

Na Audiencia Provincial de Ourense, a Consellería de Presidencia vén de rematar os traballos de adaptación e redistribución de espazos do cuarto andar para acoller a sección primeira do alto tribunal.

O traslado desta sección levarase a cabo a mediados do mes de setembro, á volta das vacacións, polo que as vistas orais dos casos que teñan que ser xulgados por este tribunal se desenvolverán no novo emprazamento a partir desta data.

Ao abeiro do devandito plan prevese tamén o acondicionamento dun espazo para a creación dunha aula de formación para o persoal xudicial, dotada con 25 postos de ordenador; a habilitación do antigo xulgado do social número 1 como sede da Xunta Electoral provincial; e a instalación dunha válvula automática para o peche da auga xeral para evitar posibles inundacións.