Esta actividade enmárcase dentro do programa “Verán Participativo” que puxo en marcha a Concellería de Participación Cidadá.

Boa acollida do obradoiro de doces e cupcakes da AVV As Termas

Durante esta semana ten lugar no local social da Asociación Veciñal As Termas, situada nas vivendas sociais ao carón da estación de autobuses, un taller de doces e decoración de cupcakes incluido no programa de “Verán Participativo” da Concellería de Participación Cidadá para fomentar a interrelación entre os veciños dos distintos barrios da cidade de Ourense.

Dende a Asociación Veciñal sinalan que «as veciñas e veciños do barrio acolleron moi ben a proposta de desenvolver este taller de verán, para moitas persoas é unha oportunidade para distraerse e pasar unha tarde distinta, en definitiva facer barrio convivindo e compartindo”.

Fomento da Participación Cidadá
Pensando xa no que resta de ano, a Asociación Veciñal As Termas está preparando unha serie de campañas e iniciativas enfocadas a consolidar e ampliar o labor que vén realizando nos últimos anos.
Dende o colectivo veciñal, o presidente Ángel Gómez destaca: «temos a intención de pór en marcha unha campaña enfocada ao fomento da Participación Cidadá activa mediante a elaboración dunha proposta de orzamento participativo para o barrio».

A esta campaña, sumaránse actividades como a campaña xa realizada o ano pasado contra a violencia de xénero e actividades conmemorativas dos 20 anos da entrega das vivendas sociais que cumple en decembro.