Os viños da comarca ocupan o terceiro posto no ranking global das denominacións de orixe do noso país, segundo esta prestixiosa publicación.

Os viños novos de Valdeorras, os máis valorados de España na Guía Peñín

O equipo da Guía Peñín revelou recentemente algúns dos indicadores da vindeira edición da publicación, que verá a luz no último trimestre do ano. Tal e como destacan desde o equipo editor, Valdeorras é a denominación de orixe española que maior puntuación media obtén nos seus viños novos con 89,4 puntos. Por tras, sitúanse Ribeira Sacra (88,78) e Priorat (88,6).

Xunto a isto, a D.O. Valdeorras ocupa o terceiro posto, a nivel global, entre as máis valoradas de España para a Guía Peñín con 89,83 puntos. Por diante de Valdeorras tan só se sitúan Jerez (91,75 puntos) e Priorat (90,26). Tras Valdeorras, colócanse outras dúas denominacións vinícolas galegas como son Ribeira Sacra (con 89,42 puntos) e Rías Baixas (89,18).

Bo facer

Para o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García, “as avaliacións de Peñín evidencian a gran calidade da uva na comarca e o bo facer dos nosos viticultores e adegas”. Neste sentido, recalca que se trata “dunha publicación de referencia no sector do viño a nivel nacional e, incluso, internacional” e que “son moitos os importadores que antes de decantarse por un viño comproban previamente a súa puntuación nesta guía”.