Este xoves á tarde celébrase no Balneario de Arnoia a gala de presentación dos 22 equipos que compiten nesta 71ª edición da proba ciclista.

2.500 persoas acredítanse para La Vuelta na Oficina Permanente instalada no Paco Paz

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Unipublic e da «Vuelta a España», Javier Guillén, visitaron este mércores as instalacións da Oficina Permanente da proba ciclista, situada no Pazo dos Deportes “Paco Paz” de Ourense, onde percorreron as diferentes dependencias nas que se divide este espazo organizativo e de xestión, onde se acreditarán as máis de 2.500 persoas que integran a caravana da 71ª edición de La Vuelta a España.

Baltar e Guillén percorreron as instalacións, que abranguen espazos dedicados á xestión de acreditacións, organización, salas de reunións e prensa, e posteriormente valoraron diante dos medios de comunicación os preparativos que se están a realizar para que a partir do vindeiro sábado, 20 de agosto, ás 18.30 horas, arranque no Balneario de Laias a primeira das etapas, unha contrarreloxo por equipos, de 29 quilómetros, entre o balneario e o Parque Náutico de Castrelo de Miño.

Previamente, este xoves á tarde celébrase no Balneario de Arnoia a gala de presentación dos 22 equipos que compiten nesta 71ª edición da “Vuelta”, acto que estará conducido por Carlos de Andrés e Perico Delgado, e que contará, no apartado musical, coa actuación de Marta Sánchez.

As cifras desta edición de La Vuelta, que ten á provincia de Ourense como protagonista, produciu desde hai meses un cheo das reservas nos establecementos hoteleiros de Ourense para estes días: 198 corredores e máis de 500 persoas de apoio deportivo dos 22 equipos, sumadas ás máis de 2.000 persoas acreditadas, entre xornalistas persoal de apoio e de organización e seguridade e medios, da unha idea da grande relevancia que este evento ten no ámbito mundial do ciclismo.

Manuel Baltar, quen agradeceu a Javier Guillén o traballo desenvolvido, anima a todos a participar deste espectáculo deportivo, “este ano, máis ourensán que nunca”, e destaca que a propia denominación da proba ciclista: «Ourense Termal-Madrid» “reflicte o noso papel como berce da mesma”, tendo como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo de Miño, Maceda e a capital ourensá, e como pasos intermedios os concellos de Allariz, Cortegada, Leiro, Ribadavia, Parada de Sil, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Xinzo de Limia, Trasmiras, Verín, A Gudiña e A Mezquita.

Pola súa banda, Javier Guillén subliñou o “importante retorno económico que para a capital e para a provincia de Ourense ten este acontecemento deportivo”, que nesta edición pon especial énfase na promoción termal da provincia de Ourense coa celebración de actos, retransmisións televisivas e saídas de etapa en balnearios e contornas termais.

Guillén afirmou que a Vuelta conta cos mellores ciclistas dos mundo, “entre os que se encontran Chris Froome, gañador do Tour de Francia por segundo ano consecutivo; Alberto Contador, Nairo Quinta e Alejandro Valverde, entre outros”.