Xunta e Deputación cofinanciarán a urbanización de cen metros da travesía de Bande

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada da Deputación de Ourense, Marisol Días Mouteira; e o alcalde de Bande, José Antonio Armada, asinaron un convenio para a urbanización da travesía da OU-540. Os traballos nun treito da travesía da estrada que une Ourense e a fronteira portuguesa suporán a mellora dunha parte da rúa Faustino Santalices situada na entrada da travesía de Bande, onde se completarán as beirarrúas xa existentes nun tramo de arredor de cen metros.

Estas tarefas significan un investimento de máis de 244.000 euros dos que o Goberno galego participa achegando o 70% do custo total das actuacións, e o 30 % restante serán financiados pola Deputación Provincial de Ourense. Será o Concello de Bande quen licite e execute as obras, que a conselleira agarda estean «totalmente rematadas a finais de 2017».

En concreto, os traballos consisten na prolongación da beirarrúa pola marxe dereita da vía, ao longo duns 100 metros, fronte á estación de servizo e na súa urbanización, coa  instalación de redes de abastecemento, saneamento, pluviais e alumeado. Ademais, demolerase a actual caseta de legoeiros, situada a carón da estrada e que supón un punto estreito que impide a execución dunha beirarrúa accesible, para proceder á construción dunha nova nave na mesma parcela, que sirva de apoio ás tarefas de conservación e mantemento da rede autonómica de estradas.  Os labores complementaranse co traslado do sifón do canal de rego existente na zona da estación de servizo, para facilitar a execución da beirarrúa.

Ethel Vázquez explicou que “o acordo que hoxe asinamos é unha mostra máis da cooperación e do traballo conxunto entre tres administracións, co fin de dotar aos veciños de Bande de novas beirarrúas e de máis servizos, e para lograr que este treito da rúa Faustino Santalices sexa máis cómodo, máis accesible e, sobre todo, máis seguro para todos os usuarios”.

O alcalde, pola súa banda, remarcou que se trata dunha actuación «longamente demandada», desde fai xa oito anos, cando asumira o cargo, ao tratarse dun punto da travesía que presentaba «certa perigosidade» para peóns e vehículos.

A conexión por autovía con Portugal deberá agardar

José Antonio Armada foi preguntado polo proxecto para continuar a autovía de Celanova ata a fronteira portuguesa. O rexedor popular resaltou que sigue «defendendo» ese proxecto e que ve «receptividade» por parte da Xunta, pero recoñece que «haberá que esperar mellores tempos para rematar ese enlace». Nesa liña, Ethel Vázquez recordou que a obra «está na planificación» da Xunta, e que non renuncian a rematar a autovía, pero irán facendo «o que poidamos pagar» e de xeito harmonizado coas previsións dos veciños lusos. Nese sentido, o alcalde de Bande mantén contactos con presidentes de «dúas ou tres cámaras municipais» do norte de Portugal que «están a facer as súas xestións» ante o Goberno portugués para que se execute o tramo portugués desta autovía.