A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou un convenio neste sentido coa alcaldesa do concello, Ana Mª Villarino Pardo.

A Xunta destina 125.000 euros ao arranxo dunha rúa en Oímbra

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 125.000 euros na mellora da rúa A Lama, no concello de Oímbra.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Mª Villarino Pardo, asinaron o convenio de colaboración no que se recolle este compromiso.

Segundo o proxecto, os traballos consistirán na reparación da rede de abastecemento de auga potable, na reforma e ampliación da canalización da rede eléctrica e de telecomunicacións e na instalación de rede de alumeado público. As obras completaranse coa nivelación da rúa e a pavimentación da mesma en pedra e formigón.

Coa sinatura do convenio de colaboración, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo xa pode licitar as obras nas vindeiras semanas.

Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego.