A formación popular presentou no balneario de Arnoia a candidatura ás eleccións do 25-S ante a presenza de Alberto Núñez Feijoó.

O PP de Ourense non descarta lograr nove deputados

O Partido Popular de Ourense ten como único obxectivo conseguir de novo oito deputados “pero non descartamos o noveno porque Ourense e Galicia o merecen”, dixo o presidente provincial dos populares, Manuel Baltar, no decurso da xunta directiva celebrada no balneario de Arnoia e na que, coa presenza do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, se presentou  a candidatura coa que o PP ourensán concorrirá ás eleccións do 25-S.

O presidente provincial, que loubou o escenario da reunión como exemplo de cooperación entre os gobernos provincial e autonómico para dar pulo ao termalismo deportivo e o plan termal de Ourense, afirmou que “somos os populares, os que grazas aos ourensáns formamos gobernos sólidos e con proxectos, os que estamos chamados a seguir realizando o traballo que estivo a facer o noso presidente galego”.

“É un orgullo para todos nós a número uno desta candidatura -sinalou Baltar en referencia a Marisol Díaz- e o resto dos homes e mulleres que a acompañan porque son os mellores e os que representarán dignamente a Ourense”.

Pola súa banda, Marisol Díaz Mouteira, número uno da candidatura do PP ourensán, foi a encargada de presentar ao resto dos populares que lle acompañan na lista, “que teñen toda a ilusión, todo o ánimo e toda a forza para construír unha Galicia e un Ourense do futuro”. E agradeceu o compromiso que no seu día aceptaron as personas que non repiten na candidatura, dixo sentirse segura de que “pola parte que nos toca, os ourensáns apostaremos por unha Galicia mellor”.

Díaz Mouteira aproveitou a presenza dos alcaldes populares para pedir un novo esforzo “para conseguir que os nosos vecinos volvan a confiar de modo maioritario nos populares”.