O colleiteiro comprométese a seguir no cargo ata que se convoquen novas eleccións no Consello Regulador.

Felicísimo Pereira continúa como presidente da D.O. Ribeiro

A petición dos vogais do pleno do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira continuará como Presidente do organismo. Dende o seu nomeamento o pasado mes de febreiro, o enólogo de Ribadavia xa anunciara que deixaría a presidencia da entidade por motivos laborais antes da vendima e que poría a disposición do pleno o seu cargo.

Tal asunto debateuse no pleno extraordinario que tivo lugar hoxe na sé do C.R.D.O. Ribeiro e que aprobou, por unanimidade dos presentes, a súa continuidade co voto de confianza da maioría dos vogais. “Levo traballando por e para a D.O. Ribeiro como colleiteiro case 20 anos. Se o pleno quere que siga como presidente acéptoo coa responsabilidade e profesionalidade que me outorga o cargo e a confianza que depositan en min”, comentou Felicísimo Pereira. Asegura que l D.O. pasa un bo momento e que traballará apostando pola calidade e en consenso entre todos os axentes que integran a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Felicísimo Pereira comprométese a seguir de presidente ata que se convoquen as vindeiras eleccións aos consellos reguladores e propuxo formalizar unha Comisión Permanente de traballo e apoio á presidencia, así como un grupo de traballo de vendima onde estivesen representados todos os axentes do sector. “Creo que a D.O. vai por bo camiño e é importante que as decisións se tomen de xeito consensuado, reflexionado e debatendo sobre os retos futuros da denominación e o seu papel como propulsor da economía local”, asegurou.

Felicísimo Pereira, representante do sector de los colleiteiros, accedeu ao cargo despois da dimisión do anterior presidente, Miguel Ángel Viso, sendo entonces vicepresidente do pleno. Dende entonces, a súa aposta foi a de traballar pola unidade da D.O. Ribeiro e a profesionalización do Consello Regulador.