O candidato á presidencia da Xunta, Luis Villares, di que é o momento de “levar a dignididade ás institucións”.

A Marea chega a Ourense

A xusto un mes das eleccións autonómicas, En Marea presentou a súa candidatura por Ourense nun acto celebrado nas Burgas no que participou tamén o seu candidato á Xunta, Luis Villares. Xunto a el, a candidata por Ourense, a dramaturga Ánxeles Cuña, e os números 2, 4 e 5 da lista, o ex alcalde de Manzaneda David Rodríguez, o ex senador Xosé Manuel Pérez Bouza, e Manuela Pérez, respectivamente.

No acto, Villares defendeu que é “o momento do compromiso” e de converter  “a hexemonía social en hexemonía política”, así como de “levar a dignidade ás institucións”. O candidato contrapuxo que fronte ao “paro e emigración” que ofreceu Feijóo aos galegos,  á proposta de En Marea son “as mellores políticas para gobernar” , e que fronte “á coalición sectaria de Feijóo e Baltar” a candidatura de En Marea ofrece “honestidade, dignidade, decencia e solvencia”.

Encabeza esta candidatura Ánxeles Cuña, que defendeu a pluralidade desta plataforma política, que aglutina pluralidade “ao erdor do obxectivo do ben común”. O número 2 da lista, David Rodriguez, considerou que En Marea é “a única alternativa real e útil ao PP”.

“O PP tivo oito anos para presentar e cumprir promesas e plans agora coas eleccións ás portas ben coa maleta chea de promesas, mentres que todos estes anos dedicouse a lle ensinar a maleta a moita xente. Agora somos nós os que lle imos poñer a maleta na casa para que marchen” concluíu Luís Villares.